A Asociación cultural Xacarandaina, segunda no Campionato Mundial de Folclore do Brasil
Logran o subcampionato tras competir con nove países
Gañaron o premio ao mellor baile en parella internacional e ao mellor vestiario
No escenario de Nova Prata, no Brasil, soou a música e o baile tradicionais galegos. Xacarandaina conquistou o segundo posto do Campionato Mundial FIDAF de folclore.
"Competimos con nove países de todos os continentes e levamos o segundo premio. Somos os viecampións do mundo", sinala con orgullo Quique Peón, director da Asociación cultural Xacarandaina desde 1982 e figura clave na investigación e na transmisión da cultura tradicional galega.
Tamén gañaron o premio ao mellor baile en parella internacional, cunha coreografía propia interpretada polos irmáns Naya.
"Non é simplemente bailar senón transmitir e conectar co público e co xurado e debeulles gustar porque ao final [logrouse]", apunta a bailadora Paula Naya.
"E que por fin o nome de Galicia se poida poñer no mapa deste xeito é moi reconfortante e un orgullo", engade o bailador Andrés Naya.
Lograron outro premio máis ao mellor vestiario: un recoñecemento ao labor de recuperación da tradición, realizado por aldeas de toda Galicia nos 48 anos de traxectoria da asociación.
"Adaptamos o vestiario antigo ao baile que estamos recollendo nese momento para que o público teña información exacta como se fose unha páxina de historia dun libro", explica Quique Peón.
O festival foi retransmitido para todo o mundo. Proxección que poñen en valor.
"Os premios foron moi importantes, pero ir representar a nosa cultura fóra foi moito máis e, sobre todo, diante de tantos miles e miles de persoas", puntualiza.
Pandereiteiras, gaiteiros, grupos de baile. Xacarandaina leva décadas facendo escola. A súa na actualidade conta con máis de 1.000 persoas.