A CIG convoca folga xeral para a primeira semana de novembro
O sindicato nacionalista anuncia a medida de protesta pola "insoportable" subida de prezos e "pola falta de medidas dos gobernos" para garantir unha vivenda digna
A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou este martes unha folga xeral para a primeira semana de novembro pola "insoportable" subida de prezos e "pola falta de medidas dos gobernos" para garantir unha vivenda digna.
O sindicato nacionalista fai este anuncio un día despois de que UXT e CC.OO. tamén decidisen convocar unha folga xeral -aínda sen data- pola situación da vivenda en España.
Segundo indica nun comunicado a CIG, o incremento dos prezos está a provocar un maior empobrecemento da clase traballadora, motivo polo que desde hai uns días desenvolve unha campaña con dez propostas para que sexa "o capital" o que asuma as consecuencias da carestía da vida e a favor dunha vida "digna" para a maioría social.
Sen aludir á convocatoria -aínda sen data- das centrais sindicais estatais, a CIG apela ao tecido social e sindical para que na primeira semana de novembro se celebre unha folga xeral para reclamar medidas que garantan de modo "inmediato" o dereito á vivenda, a intervención nos sectores estratéxicos, a subida do SMI, máis protección social e un reforzo dos servizos públicos.
O sindicato nacionalista esixe que tanto a Xunta como o Goberno inclúan un plan de choque nas contas do próximo ano con medidas que freen a deterioración das condicións de vida da clase traballadora pola subida xeneralizada de prezos e para garantir o acceso a unha vivenda digna.
"O aumento constante e imparable dos prezos da electricidade, dos combustibles, dos produtos de primeira necesidade e da vivenda están a levar ao pobo e ás clases traballadoras á ruína; unha situación que empeora pola deterioración dos servizos públicos e o retroceso nas políticas sociais", afirmou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Para a CIG, as medidas do Goberno en materia de vivenda e para conter a "insoportable" alza de vos prezos que ameaza con colapsar as economías das familias son "tardías, escasas e insuficientes".
Fronte a estas medidas, o sindicato nacionalista aposta por unha maior intervención pública nos prezos e nos mercados considerados básicos, así como o reforzo dos servizos públicos e das medidas de protección económica.
A CIG, ademais, defende a intervención pública do mercado da vivenda para limitar os prezos, evitar desafiuzamentos e aumentar a oferta a vivenda accesible, especialmente para as persoas con menos recursos.