Os maquinistas convocan unha folga en Renfe para o 29 de outubro
Piden protocolos ante alertas meteorolóxicas, vixiar a seguridade e as condicións laborais, desbloquear os coeficientes redutores da idade de xubilación e aplicar o protocolo sobre atención tras un atropelo
Alejandro Martínez Vélez / Europa Press
O Sindicato Español de Maquinistas y Ayudantes Ferroviarios (Semaf) convocou unha xornada de folga de 24 horas para o próximo 29 de outubro en todas as empresas do grupo Renfe, tras non chegar a un acordo nas negociacións e constatar un «bloqueo administrativo» dos acordos asinados con anterioridade.
O paro, que transcorrerá desde as 00.01 ata as 23.59 horas, responde á paralización dos avances pactados en materia de seguridade ferroviaria, protocolos ante emerxencias meteorolóxicas, contratación de novos maquinistas, atención en atropelos ferroviarios e fiabilidade do material rodante.
Desde Semaf aseguran que presentaron propostas para cada mesa de negociación, pero tanto a Administración —Ministerio de Transportes— como as empresas e organismos públicos —Renfe, Adif e a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF)— escúdanse na lentitude burocrática para coordinar varios organismos.
A organización reclama implantar protocolos reais e vinculantes ante alertas meteorolóxicas e unha normativa que coordine as comunicacións en situacións de risco.
Así mesmo, busca implantar a «cultura xusta» nas cabinas e abrir unha canle directa entre os sindicatos, a AESF e a Inspección de Traballo para vixiar a seguridade e as condicións laborais.
Por último, o colectivo esixe solucións técnicas aos problemas do material rodante, a aplicación das interrupcións nos tempos de condución e o desbloqueo dos coeficientes redutores da idade de xubilación. Ademais, demanda aplicar o acordo do 7 de maio para as novas promocións e o protocolo de 1990 sobre atención tras un atropelo ferroviario na súa totalidade.