Cortizo abrirá nos Estados Unidos a súa primeira fábrica fóra de Europa
Presenta o plan de expansión ata 2030 cunha ducia de novos proxectos, entre eles a ampliación da factoría de Padrón, que estará operativa o vindeiro ano
A multinacional prevé incrementar nos vindeiros tres anos a súa capacidade produtiva en case un 70 por cento e superar a barreira dos 5.000 empregados
Cen por cento galega pero coa vista posta no mundo. Cortizo ten en marcha o plan de expansión 2030 cunha ducia de proxectos novos.
Entre eles destaca a súa primeira fábrica fóra de Europa. Estará en Xeorxia, nos Estados Unidos. A ela sumarase a nova planta de produción de Portugal. Estas dúas plantas dedicaranse á extrusión de aluminio. A idea é que o de Chaves estea funcionando a finais de 2027. Na de Xeorxia, a compañía investira 60 millóns de euros e as obras arrancarán o próximo mes de marzo.
"Trátase dunha localización estratéxica que facilitará os fluxos comerciais non só no mercado estadounidense, senón tamén cos países do Caribe e o resto de Latinoamérica", recoñece Daniel Lainz.
Pero o corazón seguirá latexando en galego. A ampliación da factoría de Padrón estará operativa o vindeiro ano. Será un centro produtivo de PVC con 7 novas liñas de extrusión e unha nova planta de foliado con almacéns intelixentes e fluxos automatizados.
Con esta aposta de máis de 300 millóns de euros, a compañía prevé aumentar a súa capacidade produtiva en case un 70 %. Elevan a cifra de negocio por riba dos 1.300 millóns de euros, case un 40 % máis e superar os 5.000 traballadores.