Hostaleiros de Pontevedra alertan dun aumento de furtos en terrazas do centro histórico
Os roubos de bolsos ao descoido repítense nas últimas semanas, en especial desde o campionato de tríatlon
Recoméndanlle á clientela que non sexa tan confiada e coide máis das súas pertenzas
Sentar para tomar algo nunha terraza en boa compañía é algo que asociamos a un momento de desfrute e relax, tanto que ás veces nos relaxamos de máis, a xulgar polo relato que fan dúas amigas de Pontevedra.
Hai un par de semanas, estaban sentadas con dúas compañeiras máis no mesmo lugar no que agora gozan dun almorzo e, cando se levantaron, unha delas decatouse de que lle faltaba o bolso.
Así, ao descoido, parece que alguén leva facendo o agosto desde hai un tempo nas terrazas de Pontevedra, en especial nas máis concorridas do centro histórico.
A policía está intensificando a vixilancia a raíz das sucesivas denuncias, pero, amais de ir acumulando probas para cercar as persoas sospeitosas, alertan da necesidade de que os clientes coiden das súas pertenzas aínda nos momentos de relax.