Detido por roubar ao seu excompañeiro de piso en Lugo figuras dos Cabaleiros do Zodíaco valoradas en 14.000 euros
Detido por roubar ao seu excompañeiro de piso en Lugo figuras dos Cabaleiros do Zodíaco valoradas en 14.000 euros
A actuación policial iniciouse tras avisar o dono da colección que atopara os artigos postos á venda nun establecemento de segunda man da cidade
Policía Nacional
A Policía Nacional detivo un individuo por roubarlle ao seu antigo compañeiro de piso un total de 164 figuras dos Cabaleiros do Zodíaco valoradas en 14.000 euros. Os efectos foron recuperados e devoltos ao seu dono.
Nun comunicado, a Policía explica que as figuras de coleccionismo desta coñecida serie de anime foron subtraídas dun rocho da cidade. O detido, que se enfronta a un presunto delito de furto, vendeu o lote, xunto con outros efectos subtraídos, a unha tenda de segunda man.
A actuación policial iniciouse tras avisar o dono da colección que atopara os artigos postos á venda nun establecemento de segunda man da cidade.
Os investigadores comprobaron as operacións de venda e procederon á intervención dos efectos, que foron retirados da comercialización, e procedeuse á detención do presunto autor.