Santiago, a tope en outubro: récord de peregrinos e hoteis ao 80 %
No que vai de ano repartíronse 531.400 compostelas, máis ca en todo 2025
O turismo de congresos eleva a ocupación hoteleira nun mes "excepcional"
Pasou a ponte do Pilar e chegou o outono, pero Santiago segue cheo a rebentar. O Camiño volveu bater marcas históricas con máis de medio millón de peregrinos no que vai de ano. A maioría, estranxeiros.
Cada vez son máis os que escapan dos meses de verán para emprender a ruta. Só no que levamos de outubro chegaron uns 45.000 peregrinos, un 17 % máis que en 2025. E moitos son repetidores.
Compostelas, cunchas e bastóns mestúranse nas rúas con grupos de congresistas e turistas convencionais. O ano empezou mal para os hoteis en Santiago pero o outono, din, está a ser excepcional, cunha ocupación superior ao 80 %.
"Xa nos últimos anos pasou, outubro trae bastante turismo e do de gran calidade. A organización de congresos, eventos, conferencias, o movemento empresarial. Son as cousas que faltan no verán e veñen neste tempo facendo que as cifras sexan moi positivas", explica José Antonio Liñares, voceiro da Unión Hoteleira Compostela.
Un tirón que, agardan, se manteña nos meses de inverno. A antesala dun Xacobeo 2027 que apuntale a cidade como referente no turismo internacional.