O turismo de balneario gaña pulo como opción de descanso e benestar
Nesta ponte moitos destes establecementos acadaron entre o 80 e o 90 % de ocupación
Ademais do seu atractivo turístico, os balnearios poñen en valor as propiedades das augas termais
Durante esta ponte moitos están optando por Galicia polas súas augas. A comunidade ten das mellores ofertas mineiro-medicinais de Europa. De feito, moitos dos que veñen buscando augas termais fano en calquera época do ano. Boa parte delas concéntranse na provincia de Ourense, algúns con selo de calidade.
O turismo de balneario gaña protagonismo como unha alternativa que combina descanso, benestar e contacto coa natureza.
"Temos uns niveis de ocupación bastante altos, estamos contentos. Tivemos unha primiera parte da ponte arredor dun 90 %, agora xa é domingo baixamos ata o 80. Este sitio é espectacular e tamén o tempo axuda moito", di Fernando Suárez, director do Hotel Balneario de Laias Caldaria.
É unha opción de ocio para facer unha pausa, desconectar da rutina e coidar da saúde.
"Cada vez hai máis coñecemento e cada vez máis a xente nova sabe que isto é algo que hai que probar porque é bo. Ademais das excelentes cualidades das augas termais do noso balneario que son recoñecidas, a contorna é un plus", engade.
Unha opción que, ademais do seu atractivo turístico, pon en valor as propiedades das augas termais e a tradición termal do noso territorio.
"A parte completamente terapéutica das propias cualidades naturais da auga mineiro medicinal que para determinadas doenzas axuda moito", destaca o director do Hotel Balneario de Laias Caldaria.
Moitos simplemente queren tempo para parar e reducir o estrés, cunha oferta turística de sensacións e de experiencias.
"Para relaxarme un pouco, para desconectar do día a día, do traballo".
"Reuma, artrose, artrite... e para todas esas cousas o balneario axuda moito".
"Encántanme as masaxes, a relaxación, saír un pouco da rutina", comentan algúns usuarios do balneario.
Esta é unha proposta para viaxar buscando benestar durante todo o ano, contacto coa natureza e centrado no coidado persoal.