Como actuar se nos atopamos cun xabaril
Manter a calma, non achegarse e deixarlle sempre unha vía de escape son algunhas das recomendacións
A súa presenza é cada vez máis habitual en parques e rúas das cidades, pero non por iso debemos baixar a garda. Os xabarís seguen a ser animais salvaxes, como lembra o presidente dos veterinarios en Ourense, Juan José Gómez, e polo tanto o seu comportamento pode ser imprevisible.
Para evitar perigos, insisten, é importante manter as distancias, non interpoñerse no seu camiño e evitar xestos bruscos ou berros que poidan facer que se sintan ameazados e reaccionen con agresividade.
Se imos cun can, cómpre levalo atado e intentar afastarse, xa que os seus ladridos tamén poden ser interpretados como unha ameaza polo porco bravo.
Hai que ter un coidado especial no caso das nais con crías. O seu instinto de protección fai que o risco dun ataque sexa maior.
En caso de perigo, é importante avisar as forzas de seguridade. Recomendacións para evitar problemas maiores na convivencia cos xabarís.