Unha manda de oito xabarís pasea de madrugada a carón da estación de tren de Ourense
Unha manda de oito xabarís foi vista e gravada a madrugada do martes nos arredores da estación intermodal de Ourense. Unha imaxe que, aínda que cada vez é máis frecuente nas nosas cidades, non deixa de sorprender.
Foi na Rúa Eulogio Gómez Franqueira, a carón da estación do tren. Ás catro da mañá. As persoas que tomaban algo na terraza dun bar próximo non daban creto.
Os porcos bravos urbanos son unha imaxe cada vez máis habitual nas nosas cidades e vilas. As zonas verdes urbanas son as que máis padecen a súa actividade. Tampouco os arreda a presenza humana. Sen inhibicións este porco bravo autoconvidouse á celebración do San Xoán en Vilachá de Boborás como un fregués máis.
Comprobamos que cada día perden máis o respecto e aventúranse máis en zonas habitadas, polo que os concellos estudan aplicar medidas disuasorias.