Os danos do xabaril obrigan nalgunhas parcelas a recoller o millo para evitar máis perdas
No concello lugués do Corgo xa optaron por esta solución para evitar que as visitas dos porcos bravos sigan estragando a colleita
Fartos están os responsables dunha granxa do Corgo de soportar as visitas do xabaril ás súas plantacións. Explica José Chousa, quen axuda o seu fillo na granxa, que "nós botamos cincuenta hectáreas de millo e unha leira de cinco mil metros cadrados está totalmente arrasada".
Ante esta situación, decidiron apañar xa o millo para evitar máis perdas. Asegura este gandeiro que "producir unha hectárea de millo estea ben ou non custa sobre mil cincocentos euros".
Esta parcela de José e o seu fillo non é a única labrada danada polos xabarís. O millo é fundamental na alimentación do gando e supón o sesenta por cento dos custes de produción dunha granxa. Estímase que en Galicia hai 72 mil hectáreas sementadas con millo forraxeiro. Cada 1 % de superficie afectada supón un impacto económico dun millón 300 mil euros.