Proban novas gaiolas para capturar e controlar a poboación de xabarís na cidade de Lugo
Nunha semana capturaron 14 exemplares
Unha medida excepcional solicitada polo concello a Medio Ambiente tras o aumento dos danos que provoca o xabaril na cidade
O sistema é novo, son gaiolas automáticas, de gran tamaño, con capacidade para varios exemplares, de rede, non invasivas e selectivas. Na zona periurbana de Lugo hai dúas instaladas.
"Instálanse nos sitios de paso, e onde hai maleza e pasan a noite", explica Ramón Parga, coordinador da Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza (UICON).
En tan só unha semana lograron capturar uns 14 exemplares.
"Montas a trampa cada día van entrando e cando se estabiliza é cando se activa", engade o coordinador da UICON.
Trátase dunha medida excepcional solicitada polo concello a Medio Ambiente tras o aumento dos danos que provoca o xabaril na cidade.
"A min non me dá igual que anden por aí, son moitos, é un problema", di unha muller.
Non só é habitual velos nas zonas verdes, tamén polas rúas dentro de murallas. Non hai barrio que non reciba a súa visita. A incursión destes animais supón un problema grave de seguridade e de saúde pública.
"Din que van de viños", di unha moza, e outra engade: "Amigos meus xa tiveron algún susto no coche".
Calculan que na zona periurbana de Lugo habitan uns 80 exemplares de xabarís.