Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sofía, a xabaril máis festeira de Vilachá, en Boborás

Sofía, a xabaril máis festeira de Vilachá, en Boborás

No san Xoán, sardiñas; no san Roque, polbo: Sofía non se perde unha festa en Vilachá, Boborás

"Quedaba un rabo de polbo nunha pota pequena, e botoulle a boca e marchou con el. Comeuno, levouno coas catro crías. Logo volveu buscar ósos"

G24.gal 18/08/2026 14:19

En Vilachá xa lle puxeron nome. Chámase Sofía, é un xabaril e, polo visto, ten bastante claro onde se come ben.

A primeira vez que a vimos foi no San Xoán, cando se achegou á sardiñada e acabou probando o menú.

Agora volveu. Desta vez foi no San Roque, no medio dunha festa con 112 comensais.

"Estabamos todos comendo, todos tranquilos, e os chavales do cátering tíñanlle medo. Pero eu díxenlles que non lle facía nada. Despois veu cara aos postres, pero de aí boteina", conta Manuel Ledo, veciño de Vilachá.

E se daquela foron as sardiñas, desta vez o prato escollido foi o polbo. E Sofía non dubidou en servirse a súa propia ración.

"Quedaba un rabo de polbo nunha pota pequena, e botoulle a boca e marchou con el. Comeuno, levouno coas catro crías. Logo volveu buscar ósos", relata Manuel Ledo.

Pero desta volta os veciños descubriron algo máis. Sofía non anda soa: ten catro xabatos e, segundo contan en Vilachá, xa é unha vella coñecida por aquí.

"Ela anda por aí a ver se atopa comida e nada máis. Estaba coas patas cara arriba na cancilla, como se fose un can", explica María Dolores, veciña de Vilachá.

Unha confianza absoluta coa contorna e cos veciños que converte a Sofía nunha convidada habitual das celebracións de Vilachá, xa sexa para o prato principal ou para o momento da sobremesa.

"Ela comeu todo: pan, ósos da carne. Ela gozou ben da festa", asegura Manuel.

E se Sofía segue sendo fiel ás súas citas, en Vilachá xa saben que haberá unha comensal máis na próxima festa.

Iso si, desta vez quizais lle toque pagar a cota.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar