Betanzos celebra a Festa do lúpulo, un cultivo con case un século de historia
O cultivo do lúpulo en Betanzos remóntase a 1927
Tras case desaparecer a finais dos anos 70, a colaboración entre unha empresa cervexeira e os produtores locais permitiu recuperar o cultivo do lúpulo en 2004
Betanzos é terra de lúpulo, un dos ingredientes esenciais na elaboración da cervexa. A festa, que coincide co remate da colleita, pretende dar a coñecer unha tradición con case un século de historia.
"Foi un pouco recuperar a tradición de colleita de lúpulo. Betanzos foi unha zona moi importante durante os anos 50. Por iso facer esta típica festa que se facía como fin de colleita", explica Lolo Mosteiro, produtor da Festa do lúpulo.
"De feito foi a primeira zona produtora de lúpulo en España", asegura José Luis Olmedo, xestor de proxectos de I+D de "Cosecha de Galicia", o proxecto que recuperou o cultivo do lúpulo local.
O cultivo do lúpulo en Betanzos remóntase a 1927. A produción alcanzou o seu máximo nos anos 60, cando a vila se converteu no principal centro produtor de Galicia e abastecía boa parte da industria cervexeira de España. Nesta visita guiada ás leiras onde se cultiva, lembran eses tempos.
"No seu momento chamábanlle o ouro verde, porque tiña un rendemento moi alto comparado con outras cousas que se cultivaban naquela época", explica José Luis Olmedo.
"Nós tivemos lúpulo, os meus pais, a miña familia, tivemos lúpulo", di Lita Otero, exprodutora de lúpulo.
"Cando viña o tempo da recollida do lúpulo había moito traballo, viñan moitos xornaleiros, viña moita xente e falábase moito, convivíase moito", explica Asunción Otero, outra antiga produtora.
Tras case desaparecer a finais dos anos 70, a colaboración entre unha empresa cervexeira e os produtores locais permitiu recuperar o cultivo do lúpulo en 2004.
"Recuperamos este cultivo de lúpulo en 2024, para no noso centenario facer unha cervexa 100% con lúpulo galego", comenta Martín Gómez, técnico de cultura da cervexa de "Hijos de Rivera".
Desde o ano pasado, dedícanlle esta festa, na que, ademais de divulgar a importancia deste cultivo en Betanzos, tamén se degusta a cervexa elaborada co lúpulo local.