A tasca do liño e a súa fala volven brillar en San Bartolomé de Insua
A asociación de mulleres rurais desta parroquia de Vilalba leva anos recuperando este traballo artesanal
Ademais de manter viva a tradición, o colectivo axudou a conservar un léxico propio a piques de esmorecer
Hai 18 anos que a Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomé de Insua, no concello de Vilalba, recupera os labores da tasca do liño nunha celebración que ten por obxectivo manter viva a memoria artesanal da comarca.
O proceso abrangue dende a semente ata a formación dos nobelos, que despois adoitaban empregarse no tear e noutras teceduras. Ademais de conservar a tradición, con esta iniciativa conseguiron revivir un léxico propio a piques de esmorecer.
"A recuperación da tasca do liño tamén supuxo recuperar o léxico que está asociado a este traballo e que, se non, quedaría no esquecemento", asegura Miriam Fernández, a secretaria do colectivo.
Nesta xornada tamén participan representantes doutros oficios artesanais do pasado, como lavandeiras, zoqueiros ou teceláns. A cita complétase con música, obradoiros e degustación de produtos locais.