Culpable de homicidio o acusado de causar a morte de Amin en Ourense
O xurado popular ten en conta a atenuante de lexítima defensa
Absólveno de asasinato polo que as penas se reducen a entre 10 e 12 anos de prisión
Tras dous días de deliberación o xurado popular da Audiencia Provincial de Ourense emitiu o seu veredicto sobre o caso Amin, o mozo que morreu dunha coitelada cando celebraba o seu 21 aniversario na zona dos viños de Ourense.
"Consideramos ao acusado culpable dun delito de homicidio coa atenuante simple de lexítima defensa", relataba a voceira do xurado.
Absolve o acusado do delito de asasinato que pedía a acusación particular. Tampouco ve que se trate dun homicidio doloso, como o consideraba o ministerio fiscal. Entende que a morte de Amin se produciu no transcurso dunha liorta despois de que a vitima retara ao acusado. E ao ter en conta que este actuou en lexítima defensa a cualificación penal reduce a posible condena do acusado a entre dez e doce anos e medio de prisión.
"Atendendo á apreciación do xurado e a prol de aplicar esa atenuante o ministerio público solicta unha pena de doce anos de prisión", explicaba a fiscala Sonia Rodríguez.
Pena que a defensa rebaixa ao mínimo de dez anos. Será a maxistrada a que fixe a contía exacta da condena na redacción da sentenza definitiva.