O xurado delibera sobre a morte do mozo que celebraba o seu aniversario na zona de viños de Ourense
Na última xornada do xuízo oral as partes ratificaron as súas peticións: a Fiscalía solicita unha condena por homicidio; a acusación particular, por asasinato, e a defensa pide a libre absolución por lexítima defensa
Agora é a quenda do xurado popular, o que ten a responsabilidade de determinar a responsabilidade penal de Nicusor, pola morte violenta de Amín, tras unha forte pelexa na zona dos viños de Ourense. Ocorreu cando o mozo celebraba o seu 21 aniversario, o 29 de novembro de 2024. A fiscalía sostén que foi un homicidio.
O Ministerío Fiscal destacou que Amín non tiña antecedentes penais "porque quizais se nos intentou vender unha imaxe equivocada da persoa que faleceu".
"Nicosur levou a Amín á morte. Necesitaba matalo para defenderse?. Rotundamente non", asegura a Fiscalía.
A acusación particular solicita 25 anos de cárcere por un asasinato. E sostén que Nicusor atacou a Amín sorpresivamente. Tamén criticou a modificación do argumento da defensa.
"Substitúo que levaba un vaso cortado ou unha botella, ou unha cousa ou outra e iso quen realmente o sabe é o que di que se sentiu ameazado, que viu algo que intentaban pinchalo con iso", apuntou o avogado da acusación particular.
A avogada defensora reclama a absolución por lexítima defensa completa ou que se aprecie unha eximente incompleta. Porque di, o acusado recibiu unha malleira, marchaba do lugar e seguírono. A defensa tamén cuestinou a actuación policial tras a pelexa.
"Isto é moi importante, porque se a Policía houbera collido eses vasos e botellas rotas e poderían comprobar se había pegadas de Amín, e vostedes poderían saber sen dúbidas se levaba algo ou non", asegurou a letrada da defensa.
E díxolle ao xurado popular que se preguntasen quen estaría no banco dos acusados se Nicosur non levara a navalla. Finalmente o acusado, Nicosur, na súa última palabra, insistiu en que temeu pola súa vida.
"Nese momento tiña moito medo e temín pola miña vida, só me defendín", asegurou o acusado.
A maxistrada entregou o obxecto do veredicto cunha serie de preguntas que se consensúan entre as partes. Tras a deliberación do xurado popular emitirán o veredicto cos feitos que consideren probados. Para decidir un feito contrario ao acusado precisa 7 dos 9 votos como mínimo para consideralo probado e un feito favorable cinco votos.