Suíza prepara un referendo para decidir se se eliminan os fogos artificiais ruidosos nas festas
A idea é respectar o benestar dos animais, que sofren moito co estrondo dos fogos
Que lle parecería se se eliminaran das celebracións os fogos artificiais ruidosos? Iso é o que votorán o vindeiro domingo en Suíza. Un referendo promovido por varios colectivos en defensa do benestar animal e do medio ambiente. Alertan do estrés que o estrondo produce ás mascotas e á fauna en xeral.
Aínda que para a maioría das persoas é sinónimo de festa, os que teñen animais de compañía saben canto dano poden facerlle os fogos artificiais. O ruído que producen provoca terror nos cans e os gatos, que foxen pola casa buscando un refuxio seguro.
"A cadela que tiña eu vivía nunha finca e nunhas festas escapou e atropelárona. Porque ela non entende de onde vén ese ruído e intenta escapar del. É unha tensión máxima", relata Beatriz Míguez, presidenta da protectora de Animais Arume.
Por iso son moitas as persoas e asociacións de defensa dos animais que aplauden a iniciativa de Suiza de someter a referendo a prohibición de vender e usar pirotecnia ruidosa, agás casos excepcionais.
E incluso propoñen alternativas máis silenciosas.
"Pódense buscar outras alternativas e pasalo ben igual", di Beatriz Míguez. "Hai algo que se chama empatía. Son dous minutos de diversión para uns poucos pero que pode custarlle a vida a outros", engade.
De feito, esta prohibición xa se aplica actualmente nos Países Baixos.
Na outra cara da moeda, as empresas pirotécnicas e os amantes dos vellos costumes, para os que non pode haber unha boa festa sen unha sesión de fogos que a acompañe.