Complicado rescate de Boby, un can que caeu por desnivel de 30 metros no Valadouro
O animal, dun cazador, caeu nun monte da parroquia de Frexulfe
Boby, un can dun cazador de San Cibrao, en Cervo, foi rescatado tras caer por un desnivel duns 30 metros nun monte da parroquia de Frexulfe, no Valadouro. Do seu complicado rescate ocupáronse os bombeiros do parque de Barreiros, que tiveron que percorrer a pé un bo treito para poder evacuar o animal ferido.
"Ao chegar ao lugar, a uns 700 metros da zona de caída do animal tiveron que continuar a pé uns 40 minutos. Xa no punto, constataron que o animal estaba a uns 30 metros de caída. Tiveron que facer uso de cordas, nun 'rápel' duns 20 metros para chegar ao animal, e coa axuda dun arnés de salvamento e un polispasto extraeron tanto a vítima como o bombeiro rescatador que baixou a auxiliala. Xa en zona estable, o lugar seguía sendo moi escarpado e tiveron que carrexar o can uns 50 minutos nunha mochila de rescate. Era un setter inglés e estaba ferido na cadeira e noutras partes do corpo", relata Lucas Ares, dos bombeiros de Barreiros.
Non é a primeira vez que os bombeiros de Barreiros rescatan un animal no mesmo lugar. Hai tres anos xa acudiran ao Rego da Fraga das Leiras, cargados tamén con cordas e arneses, na procura do can doutro cazador.
"Xusto nese barranco hai uns tres anos tamén fomos por outro animal. É unha zona xa coñecida polos bombeiros do parque por ser moi escarpada, con grandes desniveis. Ten fervenzas de ata vinte metros", sinala Ares.
Nesta última ocasión, tras ser rescatado, o can tivo que ser trasladado de inmediato a unha clínica veterinaria.