O quilómetro cun maior número de accidentes con animais de toda España está na provincia de Ourense
Concéntrase entre os puntos quilométricos 226,9 e 227,9, na estrada OU-525, no límite entre os concellos de San Cibrao das Viñas e Taboadela
O quilómetro coa maior concentración de accidentes de tráfico causados por animais está en Galicia, na provincia de Ourense. Esa zona problemática concéntrase entre os puntos quilométricos 226,9 e 227,9, na estrada OU-525.
Segundo un informe elaborado pola Dirección Xeral de Tráfico, alí, no límite entre os concellos de San Cibrao das Viñas e Taboadela, houbo 15 accidentes de circulación provocados por animais no ano 2024.
"Estamos falando dun tramo de vía da estrada OU-525, que é unha estrada autonómica que discorre dende o alto de Taboadela ata o límite co concello de Ourense, e efectivamente rexístranse unha gran cantidade de sinistros viarios. Pode ser debido a que os animais teñen aí o seu paso natural e unha contorna que favorece a situación tal como é unha zona de monte." Explica o Tenente Eladio Gijón Rivera, xefe do Destacamento de Tráfico de Ourense.
Saben da zona e a súa peculiaridade os veciños e condutores que circulan por esta estrada. O dato da DXT sorprende, pero só ata certo punto.
"Moitísimos, tiñan que tomar medidas coa limpeza porque xa ves... Despois, claro, os seguros...".
"Si, é un tramo coñecido que hai bastantes incidentes con animais, e coido que todo o mundo é consciente do perigo que temos aquí. É un problema gordo, entón habería que intentar corrixilo e estudalo. Se xa hai estadísticas de que este punto quilométrico é do máis complicado, pois hai que traballar niso que para iso haberá xente dedicada a este tipo de cousas".
"Si, sabemos o que hai, en toda Galicia agora mesmo é o normal: calquera estrada así que haxa poboación, árbores e todo estamos no mesmo".
Ao haber menos horas de luz no outono e o inverno, aumentan este tipo de accidentes. Só na provincia de Ourense, o ano pasado houbo máis de 800 sinistros con xabarís e máis de 300 con corzos. Cómpre, pois, extremar a precaución, sobre todo en horario nocturno. E no caso de non ser posible evitar o impacto...
"É importante suxeitar o volante firmemente, non dar volantazos para evitar unha saída de vía ou un sinistro con outro vehículo e tratar de frear dunha maneira progresiva".
O segundo punto máis problemático está tamén na provincia de Ourense, na nacional 525, á altura de Coles, con trece accidentes con animais. E hai ademais outro punto conflitivo: este da OU-537 moi preto do Parque Tecnolóxico. Arredor do sesenta por cento dos accidentes acontecidos en Ourense o último ano foron sinistros viarios con animais, especialmente xabarís e corzos.