Excarcerada unha muller logo de envorcar co coche na A-52 en Melón, Ourense
A afectada tivo que ser trasladada en ambulancia ata o hospital de referencia
Imaxe cedida polos Bombeiros do GES de Ribadavia
Unha muller duns 50 anos quedou ferida tras sufrir unha saída da vía na A-52, no punto quilométrico 265, en Melón, Ourense. Era a única ocupante do vehículo.
O accidente sucedeu arredor das 22:00 da noite do sábado, e foi debido a un despiste da condutora nunha zona de obras da estrada.
Segundo o particular que contactou co 112 Galicia, un turismo foise da A-52, cunha persoa ferida no interior.
Ata o lugar achegáronse o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Carballiño, o GES de Ribadavia e a Garda Civil de Tráfico.
Os membros do GES tiveron que empregar o material de excarceración para que a muller puidera saír do vehículo, que estaba envorcado logo do accidente. Horas despois retirouse o vehículo.
A afectada tivo que ser trasladada en ambulancia ata o hospital de referencia.