Publicador de contidos

Publicador de contidos

Descobren que a condutora dun accidente en Pontevedra nunca sacara o carné

Descobren que a condutora dun accidente en Pontevedra nunca sacara o carné

A moza avisou un irmán para que el finxise ser o que manexaba o coche

Os axentes percibiron varias pistas que revelaban o engano

A DXT di que é unha práctica frecuente pero non xeneralizada

G24.gal 23/10/2026 14:54 Última actualización 23/10/2026 15:42

O que parecía un accidente simple tiña moito máis detrás. A Policía Local de Pontevedra descubriu que unha moza que nunca sacara o carné de conducir era a verdadeira responsable dun sinistro que os implicados intentaron falsear. A historia comezou o día 15 na rúa Reguiña, na periferia de Pontevedra, cando un coche saíu da vía e acabou caendo a unha leira. Por sorte, non foi un accidente grave, pero a Policía foi percibindo indicios que non cadraban co relato dos implicados. Ao chegaren ao lugar, os axentes atoparon unha parella, eran dous irmáns.

"Eran un home e unha muller e o home dicía que el era o que conducía. Dixo que quedara durmido pero resulta que vivía a moi poucos metros así que non daba tempo a que quedase durmido en tan pouco espazo", explica o xefe da Policía Local de Pontevedra, José Manuel González Abal.

A partir de aí, os axentes atoparon máis pistas: o asento do condutor estaba moi pegado ao volante, non coincidía coa altura do home que se presentaba como condutor. E no asento do acompañante había unha bolsa moi grande que facía imposible que alí viaxase outra persoa, como contaba a moza ao asegurar que ela ía de copiloto. Ao final, a muller acabou confesando. Tiña 25 anos e nunca sacara o carné de conducir pero facíao habitualmente. Non é un caso illado. Con certa frecuencia, cada semana, a DXT detecta persoas que conducen malia que nunca obtiveron o permiso.

"Creo que non hai que falar de problemática nin de situación xeneralizada, pero si dunha situación que se dá e que hai que vixiar e previr", tranquiliza a xefa provincial de Tráfico de Pontevedra, Paula Yubero.

"Non hai un perfil único, hai xente nova, maior; con posibles económicos, sen posibles económicos; xente que ten dificultade para aprobar o exame teórico...", completa o intendente González Abal, da Policía de Pontevedra.

Conducir sen sacar o carné supón unha multa económica (a cantidade depende das circunstancias de cada persoa) e tamén unha condena penal, que adoita ser duns meses de cárcere. Non implica entrar en prisión. Pero, se nese tempo o infractor repite, algo que as autoridades din que ás veces pasa, xa estará cometendo dous delitos, un de tráfico e outro de quebrantamento de condena. Daquela, si pode acabar na cadea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar