Este sábado comezan as OPE do Sergas para acceder a máis de 2.000 prazas que se ofertan este outono
Un total de 14.094 persoas están chamadas a participar nos procesos selectivos desta fin de semana
O recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, acolle esta fin de semana os primeiros exercicios da fase de oposición para acceder a diversas categorías do sistema sanitario público galego.
A Xunta ofertará este outono un total de 2.223 prazas no Sergas. Un total de 14.094 persoas están chamadas a participar nos procesos selectivos desta fin de semana.
As probas comezarán mañá ás 9:30 horas, horario no que están convocados un total de 1.961 aspirantes pertencentes ás categorías de técnico en farmacia, logopeda e condutor.
No caso da categoría de técnico en farmacia, resultaron admitidas 1.273 persoas para acceder ás 38 prazas ofertadas (31 da quenda xeral, 4 de discapacidade xeral e 3 de discapacidade intelectual, con probas en horario de tarde). Na de logopedia serán 219 aspirantes para optar a 5 prazas e, na de condutor, están convocadas para realizar as probas 469 persoas para un total de 15 prazas (2 delas pertencentes á quenda de discapacidade xeral).
Xa na quenda de tarde, a partir das 16:00 horas, terán lugar as probas de acceso ás categorías de fisioterapeuta, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, fontaneiro e técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información. Estes exercicios rexistraron no seu conxunto un total de 2.572 persoas admitidas.
En concreto, serán 870 aspirantes de fisioterapia para as 27 prazas ofertadas nesta categoría (2 delas da quenda de discapacidade xeral), 1.406 persoas admitidas ás probas de técnico superior en imaxe para o diagnóstico (67 prazas, 2 delas da quenda de discapacidade xeral), 156 aspirantes da categoría de fontaneiro (8 prazas) e 140 de técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información (5 prazas).
Os exames desta fin de semana completaranse o domingo, 25 de outubro, a partir das 16:00 horas, coa celebración das probas correspondentes ás categorías de técnico en coidados auxiliares de enfermaría (tanto na quenda xeral como na de discapacidade intelectual) e de técnico en farmacia (quenda de discapacidade intelectual). Neste caso, resultaron admitidas un total de 9.561 persoas.
En concreto, foron admitidas 9.555 persoas na categoría de TCAE para acceder ás 1.306 prazas (inclúense 55 da quenda de discapacidade xeral e 40 de discapacidade intelectual), e 6 aspirantes optarán ás 3 prazas ofertadas na quenda de discapacidade intelectual da categoría de técnico en farmacia.
Os procesos selectivos continuarán durante as xornadas do 8, do 14 e do 15 de novembro.