Máis de 16.000 persoas opositan a 256 prazas de emprego público da Xunta
As probas, que están a desenvolverse no recinto feiral de Silleda, estrean medidas de vixilancia
Preto de 16.300 aspirantes participan nas oposicións da Xunta que se celebran esta fin de semana no recinto feiral de Silleda.
Hai 256 prazas a concurso: 59 do corpo superior da administración, con máis de 1.300 aspirantes; 40 do corpo de xestión, ás que se postulan máis de 1.800 persoas; 74 do corpo administrativo, que supera os 6.700 opositores; e 83 do corpo auxiliar, para o que se inscribiron máis de 6.300 consursantes.
O proceso desenvólvese con novas medidas de vixilancia para detectar a presenza de dispositivos electrónicos, non permitidos durante a realización das probas.
"Xa estou co DNI, os lápices e a goma, que é único que se pode levar", precisaba unha opositora.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou que implementaron os controis porque os dispositivos de transmisión de datos son cada vez máis difíciles de detectar e puntualizou que en todo caso é unha vixilancia respectuosa.
"Uns equipos pasivos que se empregan proporcionalmente e sen importunar o normal desenvolvemento das probas", explicou Miguel Corgos.
Os controis realízanse á entrada e tamén no interior.
"Para que todas as persoas aspirantes poidan realizar as probas con igualdade de mérito e capacidade", resumía a directora xeral de Emprego Público.
O operativo de control está formado por máis de 275 persoas.