A Xunta reforza os controis para detectar dispositivos electrónicos nas oposicións
Nos vindeiros procesos selectivos vai aplicar novas técnicas para localizar calquera material non permitido
Realizaranse rexistros periódicos durante a realización das probas, "sen causar molestias ás persoas presentadas"
Un proceso selectivo en Silleda. EUROPA PRESS/Álvaro Ballesteros/Arquivo
A Consellería de Facenda e Administración Pública aplicará novas medidas de vixilancia e control nas oposicións de acceso ao emprego público. Xa estarán operativas nos procesos selectivos que terán lugar a vindeira fin de semana no recinto da feiral de Silleda.
Estas actuacións permitirán, mediante equipos pasivos de detección de radiofrecuencia, campos electromagnéticos, materiais ferromagnéticos ou outras tecnoloxías análogas de detección non intrusiva, detectar a presenza de dispositivos electrónicos non permitidos.
Con este fin, segundo subliña a Xunta nunha nota de prensa, realizaranse controis periódicos durante a realización das probas, "sen causar molestias ás persoas presentadas", e nas saídas dos aseos interiores.
"As actuacións de verificación desenvolveranse con pleno respecto á dignidade, intimidade e demais dereitos das persoas aspirantes, observando en todo momento os principios de necesidade, idoneidade e proporcionalidade", asegura.
A negativa reiterada a someterse ás comprobacións requiridas ou a detección ou utilización de dispositivos ou materiais prohibidos poderá dar lugar á adopción das medidas previstas nas instrucións, incluída a expulsión do exame e a anulación do exercicio".
As propias instrucións establecen que non está permitida a entrada nin a permanencia nos espazos destinados a realizar as probas con teléfonos móbiles, reloxos de calquera tipo, lentes con cámara ou videocámara.
Tampouco se poden levar dispositivos dixitais, de intelixencia artificial ou integrables con conexión ou conectividade inalámbrica, auriculares, microauriculares, lentes intelixentes, cámaras, computadores portátiles, xeolocalizadores ou sistemas de transmisión de datos.
"Soamente se permitirá o acceso con dispositivos electrónicos a aquelas persoas aspirantes que, por razóns clínicas, teñan autorizada unha adaptación de medios ou a súa utilización, previa xustificación", lembra o comunicado.
Só o necesario
Con todo, a Xunta recomenda ás persoas aspirantes acudir exclusivamente cos obxectos estritamente necesarios para a realización do exame, xa que non se habilitará ningún servizo de custodia ou depósito de dispositivos ou materiais non permitidos.
Tampouco se permitirá a entrada ao recinto con bolsos de man, mochilas, gorros, panos, pendentes ou piercing magnéticos, paraugas, libros, soportes de almacenamento de información ou calquera outro material distinto do expresamente autorizado pola organización.