As oposicións do Sergas deste domingo rexistran unha participación do 87%
O Sergas desenvolveu na fin de semana os exames para acceder a un total de 1.471 prazas de oito categorías
As probas de acceso ao Servizo Galego de Saúde para as categorías técnicas de coidados auxiliares de enfermería e de farmacia, esta última só na quenda de discapacidade intelectual, rexistraron este domingo unha participación do 87,48%.
Os exames celebráronse no recinto feiral de Silleda pola tarde. Segundo informa a Xunta nunha nota de prensa, das 9.563 persoas convocadas para ambas as dúas categorías, presentáronse 8.366.
Durante a fin de semana, o Sergas desenvolveu os exames para acceder a un total de 1.471 prazas de oito categorías profesionais. Na xornada do sábado, foron os do grupo técnico de farmacia, logopedista e condutor, cunha participación do 78,79%.
Vindeiras citas
Os procesos selectivos continúan o domingo 8 de novembro, coas oposicións para medicina de admisión e documentación clínica; o grupo técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información; traballo social; mecánica e auxiliar da función administrativa.
A fin de semana do 14 e 15 de novembro é a quenda do persoal médico xeral de ADOS e asistencial do 061; farmacia e odontoloxía de atención primaria; xestión en sistemas e tecnoloxías da información; calefactor; celador; terapeuta ocupacional; dietista-nutricionista e electricista.
En conxunto, o Sergas oferta este outono 2.223 prazas repartidas en 23 categorías profesionais.