Unha cadea humana rescata da auga unha muller na praia de Riazor, na Coruña
Un particular indicou que a muller se atopaba na auga e, segundo a súa impresión, non era capaz de saír polos seus propios medios
Varios cidadáns, formando unha cadea humana, encargáronse este domingo do rescate dunha muller arrastrada polo mar na praia de Riazor, na Coruña, para a que ademais solicitaron asistencia sanitaria tras o sucedido.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 13.45 horas. Un particular indicou que a muller, se atopaba lendo preto da beira antes de ser arrastrada pola auga, e segundo a súa impresión, non era capaz de saír polos seus propios medios.
Na súa chamada, explicou que foron varios presentes os que se encargaron de sacala de aí.
O alertador solicitou a través da central asistencia sanitaria para esta muller.
Ata o lugar desprazáronse persoal do 061 e efectivos da Policía Local.