Rescatados dous deportistas que participaban nunha proba de caiac na Coruña
Un deles foi localizado na auga con síntomas de hipotermia
Dous participantes da proba Ocean Race de piragüismo da Coruña tiveron que ser rescatados este sábado.
Na competición participaban 50 caiacs entre Orzán e o porto de Oza. Ao remate da proba faltaban dúas embarcacións que non chegaron á meta. A embarcación pneumática que cubría a proba encargouse de realizar un primeiro rastrexo. Tamén desde terra voluntarios de Protección Civil das Pontes e Bombeiros da Coruña participaron no dispositivo.
Desde o centro de coordinación de Salvamento Marítimo pediuse a colaboración desde o aire do helicóptero Helimer 402 que foi quen localizou un dos caiacs envorcado. O seu tripulante estaba na auga con síntomas de hipotermia. Unha embarcaicón da Cruz Vermella foi a encargada de rescatalo da auga. Levouno ata o porto de Oza onde unha ambulancia agardaba para trasladalo ao CHUAC.
O outro deportista foi localizado en terra en boas condicións.