Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade propón crear prazas de médicos de familia cando se superen as 36 consultas diarias

Sanidade propón crear prazas de médicos de familia cando se superen as 36 consultas diarias

Esta é unha das medidas aprobadas este mércores pola Mesa Sectorial de Sanidade

CSIF, UXT e CCOO votaron a favor, mentres que CIG-Saúde se descolgou do acordo asegurando que é un insulto para os traballadores

G24.gal 01/10/2026 07:35

A Consellería de Sanidade propón crear prazas estruturais de médicos de familia cando os centros de saúde superen unha media de 36 consultas diarias por profesional e un cociente de 1.200 tarxetas sanitarias por facultativo.

Esta é unha das medidas aprobadas este mércores por tres dos catro sindicatos participantes na Mesa Sectorial de Sanidade. CSIF, UXT e CCOO votaron a favor, mentres que CIG-Saúde se descolgou do acordo asegurando que é un insulto para os traballadores e converte en estrutural a sobrecarga do sistema.

Os criterios para a creación de novas prazas

Segundo destaca a Consellería de Sanidade nun comunicado, os novos parámetros supoñerán a dotación de novas prazas sobre a base da actividade asistencial dos centros de saúde, os cocientes de poboación de referencia e conforme a unha planificación que responda ás necesidades asistenciais dun xeito eficiente.

Crearanse novas prazas de médico de familia cando se superen unha media de 36 consultas diarias por profesional e un cociente de 1.200 tarxetas sanitarias por facultativo.

Na categoría de pediatría de atención primaria, os parámetros serán superar as 30 consultas por profesional e día e un cociente medio de máis de 1.000 tarxetas sanitarias.

A creación dunha praza de médico ou pediatra levará automaticamente aparellada a creación dunha de enfermería.

O pacto recolle tamén o obxectivo de crear unha praza de farmacéutico de atención primaria por cada 18.000 habitantes, unha de saúde bucodental por cada 22.500 tarxetas sanitarias, unha de matrona por cada 5.500 mulleres maiores de 14 anos en 2030 ou unha de fisioterapeuta de atención primaria por cada 11.500 habitantes.

Un bo avance para CSIF, UXT E CCOO e un insulto para a CIG 

CSIF, UXT e CCOO ratificaron este acordo. Aínda que recoñecen que non se recolle todo o que lles gustaría, é bastante máis do que había ata o momento, polo que o consideran un bo avance.

Non comparte esta opinión CIG-Saúde, a única forza sindical da Mesa que non asinou o acordo. Consideran que é un insulto para os traballadores, que levan anos soportando sobrecarga, falta de persoal e unha deterioración continuada das súas condicións de traballo mentres a Administración segue sen poñer encima da mesa unha planificación á altura das necesidades reais.

Para o sindicato, non ten ningún sentido que, existindo xa límites de actividade acordados de 30 atencións diarias en médico de familia e 25 en pediatría se lles esixa superar eses límites de xeito sostido para recoñecer que é necesaria unha nova praza.

"A CIG non vai avalar que se chame planificación a administrar a escaseza. A Atención Primaria necesita persoal suficiente antes de chegar ao límite, non cando a sobrecarga xa se converteu na norma", conclúen.

O conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño mostrábase satisfeito co apoio de tres dos catro sindicatos.

Subliña que a proposta foi avalada pola maioría da mesa sectorial, o cal demostra, di, a capacidade da consellería para negociar, a diferenza do Goberno central.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade