O Ministerio de Sanidade introducirá o aborto farmacolóxico na Atención Primaria
Mónica García avanza que impulsará "todos os cambios necesarios" para que as mulleres poidan acceder a el no seu centro de saúde
Neste momento, os medicamentos autorizados para interromper o embarazo só están dispoñibles nos hospitais
Arquivo
A ministra de Sanidade, Mónica García, anunciou este luns que o seu departamento vai impulsar "todos os cambios necesarios" para introducir o aborto farmacolóxico na carteira de servizos de Atención Primaria para que as mulleres poidan acceder a este método no seu centro de saúde.
"Queremos que as mulleres podan acceder a el a través dos seus centros de saúde con información clara, precisa, con profesionais preparados e con acompañamento antes, durante e despois", salientou no acto 'Abortar sen barreiras: do recoñecemento do dereito á garantía efectiva do acceso', que inaugurou xunto coa titular de Igualdade, Ana Redondo.
A proposta do Ministerio
A intención do Ministerio de Sanidade é modificar o real decreto que regula a autorización dos centros sanitarios para que esta práctica poda realizarse nos centros de saúde e non só nos hospitais. Para iso, iniciará os trámites para cambiar a ficha técnica da mifepristona, un dos medicamentos utilizados para interromper voluntariamente o embarazo, e permitir o seu uso fóra do ámbito exclusivamente hospitalario.
O departamento que dirixe Mónica García está traballando coas comunidades autónomas nesta reforma que permitirá as mulleres elixir a onde acudir cando queiran poñer fin ao seu embarazo aforrándolles "desprazamentos, sufrimento e inseguridades" e sabendo, en todo momento, "a quen chamar" e sentir que hai un equipo que a coñece e acompaña.
O aborto, un dereito que debe blindarse na Constitución
A ministra de Sanidade, Mónica García, lémbralle ás comunidades autónomas que teñen a obriga de garantir o dereito ao aborto nos seus territorios. "A obxección de conciencia debe organizarse -asegura García-; ningún prexuízo pode servir de escusa para bloqueala".
Pola súa banda, a titular de Igualdade, Dolores Redondo, insistiu na necesidade de blindar este dereito na Constitución ante a "onda reaccionaria" que chegou a España da man dos gobernos autonómicos de PP e Vox.
Lembra a enorme diferenza que existe entre comunidades na práctica de abortos na sanidade pública. Así, mentres en Cantabria as interrupcións voluntarias do embarazo se sitúan no 85 % en Madrid apenas chegan ao 1 %.
Igualdade está a traballar nun decreto para incidir na necesaria información das mulleres, para que poidan tomar "responsablemente esa decisión, sen tutelas e sen paternalismo".
En 2024 practicáronse 106.172 abortos, dos que 34.092 foron mediante a vía farmacolóxica -que consisten na administración de medicamentos autorizados para interromper o embarazo-, segundo os últimos datos dispoñibles de Sanidade.
Trátase do método máis utilizado na rede pública, onde se realizaron 21.320 actuacións, fronte ás 12.772 contabilizadas nos centros privados.
Pola contra, nos centros privados segue sendo maioritario o uso do método cirúrxico, especialmente nos centros extrahospitalarios, que concentraron máis de 63.000 actuacións en 2024.