Sanidade presenta aos colexios médicos o novo plan de reforma da Atención Primaria
Prevé a contratación de 165 médicos e máis de 400 profesionais doutras categorías
Resolver con máis celeridade as necesidades asistenciais e ao mesmo tempo baixar a ratio de pacientes por cada médico. É o que persegue a reforma da Atención Primaria que hoxe presentou aos colexios médicos o conselleiro de Sanidade. O plan pretende, cun reforzo de persoal, mellorar as ratios e reducir as axendas a un máximo de 30 actos por xornada.
"O plan prevé aumentar o tempo clínico da atención a cada paciente, con investimentos en persoal e equipamentos", declarou Antonio Gómez Caamaño, o Conselleiro de Sanidade.
Prevense na primeira fase 383 prazas en 16 categorías. Novas prazas para nutricionistas, fisioterapeutas, psicólogos, matronas, farmacéuticos ou traballadores sociais que se irían incorporando aos centros de saúde. Tamén prevé a contratación de odontólogos, hixienistas e, por primeira vez, especialistas en podoloxía.
A reforma probarase en programas piloto, ao inicio en dous centros de saúde por provincia. Outro obxectivo é aliviar o traballo burocrático dos médicos, con máis persoal administrativo.
O sistema prevé melloras retributivas en función do número de tarxetas, do despoboamento, da dispersión ou da idade dos pacientes. Serían en total 644 prazas que terían que cubrirse antes de 2030.