Sanidade probará a vindeira semana o novo límite de citas en Atención Primaria en 14 centros de saúde
Sanidade probará a vindeira semana o novo límite de citas en Atención Primaria en 14 centros de saúde
As axendas estarán limitadas a 30 consultas por día en medicina de familia e a 20 en pediatría
Os xefes de servizo de cada centro de saúde, xunto coa Dirección Xeral de Atención Primaria xestionarán a citas de absorción da demanda
A Xunta aproba a reforma da Atención Primaria, "con máis servizos e adaptada ás necesidades"
Catorce centros de saúde, dous por cada unha das sete áreas sanitarias, comezarán a probar o novo límite de citas en Atención Primaria nos vindeiros días.
As axendas dos profesionais estarán limitadas a 30 consultas por día en medicina de familia e a 20 en pediatría. Os xefes de servizo de cada centro de saúde, xunto coa Dirección Xeral de Atención Primaria xestionarán a absorción da demanda mediante citas planificadas segundo as características de cada centro.
A Consellería de Sanidade pon en marcha deste xeito a nova organización funcional dos centros de saúde, como establece o Plan de reforma da Atención Primaria aprobado no Consello da Xunta deste luns. O plan ten unha vixencia de cinco anos e está dotado con máis de 320 millóns de euros.
Segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no programa Bos días de Televisión de Galicia, o obxectivo é "optimizar a organización asistencial e aumentar o tempo clínico". "Eliminar a máxima burocracia é posible", afirmou.
Caamaño incidiu no traballo dos equipos de apoio formados por técnicos sanitarios, que xa están funcionando para aliviar as tarefas do corpo médico na elaboración de informes, certificacións e renovación de medicamentos para pacientes crónicos, entre outros labores.
O plan prevé investimentos en infraestruturas e tecnoloxía para, entre outras utilidades, desenvolver a telemedicina e "converter o domicilio en un novo nivel asistencial", así como a incorporación de máis profesionais e de novas especialidades, como podoloxía.