Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Sergas transformará os coidados paliativos pediátricos buscando unha atención "máis humana"

O Sergas transformará os coidados paliativos pediátricos buscando unha atención "máis humana"

O plan aprobado polo Consello da Xunta dará prioridade sempre que se poida á atención a domicilio

G24.gal 02/11/2026 11:05 Última actualización 02/11/2026 14:53

O Consello da Xunta aprobou este luns o primeiro Plan galego de coidados paliativos pediátricos, que segundo explicou Alfonso Rueda, busca "unificar e reforzar a atención aos nenos e ás súas familias en toda a comunidade".

O plan, que contará cun orzamento de 3 millóns de euros ata 2030, tratará de desenvolver un modelo asistencial específico para nenos e adolescentes con protocolos comúns en todo o territorio para a poboación infantil con doenzas crónicas, complexas, e con necesidade de coidados paliativos.

Estableceranse unidades de atención paliativa pediátrica nos hospitais da Coruña, Santiago e Vigo, e incrementarase o cadro de persoal de profesionais especializados nesta área, con cinco pediatras e cinco enfermeiros.

Entre as principais novidades, segundo explicou o presidente da Xunta, darase prioridade a atención domiciliaria destes pacientes e implantarase un recurso de atención intermedia para os nenos que non poden ser atendidos nos seus domicilios, pero que non precisan estar hospitalizados en Unidades de Coidados Intensivos.

Ademais tamén se creará un servizo de respiro familiar para pais e nais que "cando precisen un descanso os seus fillos e fillas estarán atendidos e supervisados por profesionais en todo momento", dixo Rueda.

Na presentación do plan, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou que o plan está "deseñado para dar resposta ás necesidades propias deste colectivo garantindo unha atención sanitaria integral, coordinada e máis humana".

"Está encamiñado a que toda a poboación infantil que teña enfermidades crónicas, complexas e necesidades de coidados paliativos reciba unha asistencia integral, coordinada e personalizada, englobando todas as etapas da enfermidade e tamén tendo en conta ás súas familias", indicou o titular de Sanidade.

O plan está estruturado en catro liñas básicas de actuación, orientadas a "fortalecer a organización asistencial e responder" as necesidades clínicas, emocionais e sociais dos nenos e as súas familias.

Estas liñas son a clasificación dos pacientes; a organización e coordinación dos recursos e dispositivos asistenciais; a organización da atención integral aos nenos con enfermidade avanzada e aos seus familiares; e o impulso da formación e capacitación dos profesionais que interveñen no proceso.

Para desenvolver o plan, a Xunta prevé crear unidades especializadas de atención integral paliativa pediátrica nos hospitais de referencia de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Ademais, dispoñerase de equipos multidisciplinares especializados de coidados paliativos en todas as áreas sanitarias.

Tamén se inclúe a creación, para 2030, do programa Coidamos Contigo. Un recurso de apoio temporal e de "respiro familiar" que será destinado a pacientes pediátricos con necesidade complexas e aos seus coidadores.

320 colexios contarán con auxiliares de conversación

O presidente galego, ademais, anunciou a posta en marcha a partir do segundo trimestre deste curso dun programa autonómico de auxiliares de conversación, principalmente en inglés, que chegará a trescentos vinte centros.

A Xunta destinará 1,9 millóns de euros a esta iniciativa, que trata de paliar o cesamento dun programa similar que se desenvolvía ata este curso en colaboración co Goberno.

Os auxiliares de conversación deberán posuír un título de grao universitario ou equivalente; ter formación específica en ensino de linguas e, en caso de non ser dun país nativo nesa lingua, terán que acreditar polo menos un nivel C1 de coñecemento do idioma.

3.000 expedientes desde que a Xunta asumiu as competencias sobre o litoral

Durante a conferencia de prensa posterior ao Consello, o presidente galego fixo un balance dos expedientes tramitados desde que a Xunta asumiu en xullo de 2025 as competencias sobre o litoral.

Dixo que superan os tres mil expedientes cunha media de resolución de corenta e cinco días.

Entre os expedientes resoltos, explicou, máis de douscentos databan de polo menos 2020.

Rueda lembrou que este xoves está prevista a firma do traspaso a Galicia de dúas novas competencias, la de permisos iniciais de traballo a estranxeiros e a xestión de aeródromos non comerciais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade