Miles de persoas maniféstanse en Lisboa contra o aumento do custo da vida
Na marcha, convocada pola central sindical CGTP-IN, os participante reclamaron un salario mínimo de 1.100 euros e melloras nos servizos públicos
Miles de persoas, segundo indican os medios locais, saíron ás rúas de Lisboa este sábado malia a chuvia para protestar contra a proposta do orzamento de 2027, que se votará no Parlamento a vindeira semana, e para esixir solucións ao encarecemento do custo da vida e á crise da vivenda.
Entre as principais reivindicacións dos asistentes á manifestación, que foi convocada pola Confederación Xeral dos Traballadores Portugueses - Intersindical Nacional (CGTP-IN), a principal central sindical do país, figuran a suba do salario mínimo a 1.100 euros o vindeiro ano, mellores pensións e maior protección social e a defensa do sistema público, tanto educativo coma sanitario.
A xornada de protesta prodúcese tres días antes da votación definitiva no Parlamento portugués dos Orzamentos do Estado para 2027, prevista para o vindeiro martes, cando se agardan novas concentracións fronte ao lexislativo.
Así mesmo, a manifestación de hoxe tivo lugar ao día seguinte dunha folga no sector público.
Agárdase que o orzamento presentado polo Executivo do primeiro ministro portugués, o conservador Luís Montenegro, sexa aprobado no hemiciclo grazas á abstención do Partido Socialista (PS), que xa posibilitou en primeira instancia o borrador coa súa abstención.
Non obstante, a CGTP considera que as contas do Goberno de Montenegro non son abondo para facer fronte ás dificultades económicas dos traballadores e denuncia a falta de valorización salarial, a deterioración dos servizos públicos e as dificultades de acceso á vivenda.
De feito, á protesta tamén se adheriron os activistas do movemento pola vivenda, que seguen reuníndose diariamente desde que comezaron as acampadas pola crise habitacional, o pasado mes de outubro.