O censo de residentes ausentes xa pode votar en urna nos consulados
A poboación que conste no rexistro CERA ten ata o 26 de novembro para exercer o seu dereito de xeito presencial
Tamén ten a posibilidade de remitir a papeleta por correo á oficina consular non máis tarde do 24 deste mes
Votación no Consulado Xeral en México no 2019. EUROPA PRESS/Andrés López
A poboación española residente no estranxeiro, rexistrada no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA), pode votar de xeito presencial ás eleccións do 29-N nos consulados de España desde este sábado e ata o vindeiro 26 de novembro.
Todas as persoas que consten no rexistro CERA poden descargar as papeletas coas candidaturas e votar en urna ou mandala por correo á oficina consular non máis tarde do día 24 deste mes.
No caso de atopárense en España, poden pedir o voto por correo en calquera oficina e remitilo como tope o 26 de novembro, tras a ampliación do prazo nun día.
No caso de vivir temporalmente no estranxeiro, é precisa a inscrición na oficina consular como non residente, solicitar a documentación electoral e enviar o sufraxio antes do día 26.
O censo total dere sidentes no exterior para o 29-N, tal como recolle o Instituto Nacional de Estatística (INE), ascende a 2.776.645 persoas, incluídas as nacionalizadas ao amparo da lei de netos, aínda que só poderán votar as 901 que puideron acreditar a súa condición de exiliadas.
Para estes comicios, a maior parte do censo exterior concéntrase na Arxentina (524.000 electores), seguida de Francia (267.960), os Estados Unidos (213.683), México (192.306), O Reino Unido (155.954), O Brasil (135.685) e Venezuela (130.985).