A Xunta aproba a reforma da Atención Primaria, "con máis servizos e adaptada ás necesidades"
O plan ten unha vixencia de cinco anos e está dotado con máis de 320 millóns de euros
O Consello da Xunta aprobou este luns o Plan de reforma da Atención Primaria que estará vixente ata o ano 2030. Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o plan estará dotado con máis de 320 millóns de euros.
O plan, dixo Rueda é o froito de "meses de escoita" cos profesionais do sector e busca crear unha Atención Primaria "máis moderna, con máis servizos e adaptada ás necesidades".
Entre as principais novidades destacou a incorporación de 383 novos profesionais e melloras en centros de saúde de 40 concellos, con novos servizos como podólogos ou psicólogos.
Na conferencia de prensa posterior á xuntanza do Executivo autonómico, Rueda asegurou que o reforzo de persoal permitirá mellorar o tempo que os profesionais dedican aos pacientes. Deste xeito, os médicos de familia atenderán un máximo de 30 pacientes ao día e os de pediatría 25.
Ademais establécense complementos salariais para os que teñan cotas "máis complexas" que impliquen máis carga asistencial.
Do orzamento total, 217 millóns irán para reformar e construír novos centros de saúde, e 50 millóns para dotalos de novos equipos e tecnoloxía. Nos ambulatorios crearán novos servizos, como podoloxía, e aumentarás as prazas de matronas, fisioterapeutas, nutricionistas ou psicólogos.
A reforma, defendeu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, responde o compromiso " adquirido" cos pacientes e cos profesionais e buscará "reducir a carga burocráctica" dos profesionais e, en consecuencia, aumentar o tempo clínico de atención a pacientes, ordenar a sobredemanda e mellorar as condicións laborais, entre outros obxectivos. "En definitiva, garantir a mellor calidade na atención sanitaria", incidiu.
Trátase dun plan "moi ambicioso", destacou, tanto no que respecta a recursos económicos como humanos.
A reforma ten catro patas: estrutura, organización asistencial de axendas, modelo retributivo e medios materiais e infraestruturas. En canto á estrutura, ademais da nova dirección xeral de Atención Primaria e Comunitaria, replicarase ese reforzo nas diferentes áreas sanitarias. Caamaño avanzou que ultiman o decreto que regulará as direccións en cada distrito sanitario e que potenciarán tamén as figuras dos xefes e coordinardores de servizo en centros de saúde.
Respecto ás axendas, confirmou o que xa se coñecía: 30 actos asistenciais por axenda para médicos de familia e 25 para pediatras. En ambos os casos, puntualizou, haberá unha parte flexible da asistencia que o profesional xestionará xunto aos xefes de servizo e tendo en conta as características do paciente e a súa contorna.
Para comprobar a efectividade do novo sistema de axendas, avanzou, esta mesma semana iniciarán programas piloto en 14 centros de saúde, dúas por cada área sanitaria.
Case 400 prazas novas en 16 categorías
En canto a recursos humanos, incrementarán en 383 as prazas en 16 categorías profesionais, que se suman ás 50 das unidades técnicas de apoio a atención primaria, en funcionamento desde maio e que presta apoio aos centros de saúde desde o seu emprazamento no Hospital Psiquiátrico de Conxo.
O conselleiro de Sanidade defendeu que esta ampliación baséase nos criterios e cocientes acordados en Mesa Sectorial, apoiados por CSIF, UXT e CCOO. "A CIG, como sempre, non se sumou ao acordo", afeou.
Máis pormenorizadamente, prevén a creación de 45 prazas de médicos de familia en centros de saúde e 18 en Puntos de Atención Continuada (PAC); dous de pediatría; 47 de enfermería -45 para medicina familiar e dous para pediatría, para cumprir a cociente 1:1 entre médico e enfermería-; 45 prazas de matronas; 48 prazas de farmacéutico en primaria; 45 en fisioterapia; 10 de hixienista bucodental e outras tantas para odontólogos; oito prazas novas de nutricionista; e 27 para traballo social.
Ademais, engadiranse novas categorías profesionais aos centros de saúde, como é o caso dos podólogos, con 28 prazas.
Gómez Caamaño remarcou que estas son novas prazas estruturais que se poderán complementar con reforzos conxunturais de ser necesario. Puntualizou tamén que se fará un seguimento "continuo" dos cocientes.
A estes reforzos estiman destinar máis de 21,5 millóns de euros, aos que suman os 10,3 millóns de euros para a creación de novas categorías que reforcen os cadros de persoal nos PAC, coa incorporación de 211 profesionais ata 2028. Concretamente, 100 novas prazas de médicos, 80 de enfermería e 31 de persoal de xestión e servizos.
Complementos retributivos por complexidade dos pacientes
O modelo retributivo continúa negociándose en Mesa Sectorial, pero o responsable sanitario avanzou que as cotas de maior complexidade e postos asistenciais máis esixentes terán un maior recoñecemento retributivo.
Así, aplicaranse a todas as categorías de Primaria factores retributivos vinculados o número de tarxetas sanitarias, ao que se sumarán factores de complexidade por idade dos pacientes, no caso dos médicos de familia, pediatras e profesionais de enfermería; categorías nas que tamén se terá en conta o factor do despoboamento.
Ademais, a dispersión xeográfica será un criterio que se terá en conta para todas as categorías de Primaria que teñan que desprazarse a diferentes centros de saúde para realizar a súa actividade. Os factores retributivos vinculados a condicións de illamento ou soidade serán aplicados ao equipo básico de Primaria: médicos de familia, enfermería, enfermería especialista e profesionais de xestión.
Para rematar, no que respecta aos medios materiais e infraestruturas, prevense investimentos por máis de 278 millóns de euros. En concreto, sinalou, continuarán reformando os centros de saúde xa existentes e impulsando a construción doutros novos.
Nesta liña, reservan unha partida de 600.000 euros anuais para colaborar cos municipios na reforma dos centros de titularidade municipal, tres millóns ata 2030 e un investimento de 217,6 millóns para a construción de novas infraestruturas de Primaria en 40 localidades durante a vixencia do plan.
En canto a equipamento, investirán 7,4 millóns de euros para a adquisición e renovación do equipo clínico e administrativo, ademais de destinar 50 millóns de euros para a inclusión de tecnoloxía que permita "avanzar cara a un modelo asistencial máis intelixente, conectado e proactivo", en referencia a solucións como a telemonitoraxe ou a aplicación da intelixencia artificial para a xestión proactiva da demanda.
Lei de Adminstración local
Este luns na súa reunión semanal, a Xunta aprobou tamén o proxecto de lei de Administración local, que agora será remitido ao Parlamento para a súa tramitación, co obxectivo de modernizar a actual normativa que data de 1997 e "seguir garantindo que os concellos dispoñan dos recursos que necesitan para levar a cabo o exercicio das súas competencias", afirmou Rueda.
Entre as novidades desta nova normativa está regular "con maior claridade" as competencias municipais, ou reforzo do apoio das deputacións á Administración local, xa que polo menos un 15 % do seu orzamento terá que ir dedicado a financiar obras e servizos de competencia municipal, así como estimular as fusións voluntarias "pero non impoñelas".