Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Sergas e as universidades galegas reforzan a atención psicolóxica aos estudantes

O Sergas e as universidades galegas reforzan a atención psicolóxica aos estudantes

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou que o Servizo Galego de Saúde e as institución académicas continuarán traballando nun procedemento específico para previr e intervir ante condutas suicidas

En 2025 os dispositivos de acompañamento das universidades galegas atenderon a un total 370 alumnos

O conselleiro de Sanidade subscribe cos tres reitores o acordo de acompañamento psicolóxico aos estudantes. EFE/Xoán Rey. O conselleiro de Sanidade subscribe cos tres reitores o acordo de acompañamento psicolóxico aos estudantes. EFE/Xoán Rey.
G24.gal 17/11/2026 15:46

O Servizo Galego de Saúde e as tres universidades públicas galegas asinaron este martes un convenio de colaboración dotado con 60.000 euros para reforzar o acompañamento psicolóxico aos estudantes, mediante a implantación e avaliación dun protocolo común de prevención, acompañamento e detección temperá de problemas de saúde mental.

O acordo, subscrito polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e os reitores das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña, dá continuidade ao asinado en 2025, ano en que os dispositivos de acompañamento psicolóxico das institucións académicas atenderon a un total 370 alumnos.

A reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, agradeceu á Consellería de Sanidade a oportunidade de traballar conxuntamente nunha cuestión "tan importante para o benestar da comunidade universitaria e para o benestar dos nosos estudantes".

O convenio permitirá "implantar e avaliar un protocolo que se traballou de xeito conxunto" e que busca que tanto o sistema sanitario como o educativo "traballen na mesma liña na atención psicolóxica da comunidade", expresou.

Así mesmo, destacou que o benestar psicolóxico é "fundamental" para que os estudantes desenvolvan a súa actividade académica nas mellores condicións e facilitar a súa integración sociolaboral.

Pola súa banda, a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, subliñou a responsabilidade das universidades de "crear contornas seguras a nivel de saúde mental", máis aló da súa función de transmitir coñecementos e formar profesionais.

Apoio psicolóxico a máis de 600 alumnos na Universidade de Santiago

Crujeiras explicou que a USC dispón dun Servizo de Atención Psicolóxica que atendeu a máis de 600 persoas e realizado máis de 4.600 intervencións nos últimos catro anos e para o que a día de hoxe hai lista de espera.

Tamén defendeu a necesidade de dar continuidade a estes recursos para que os estudantes saiban que a institución na que cursan os seus estudos "pode acompañalos no seu proceso académico".

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, sinalou que a súa institución desenvolve desde 2021 o programa Afrontemos, que prestou atención personalizada a máis de 620 persoas.

Finalmente, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, situou a saúde mental entre as prioridades do Goberno galego e lembrou que a colaboración coas universidades permitiu elaborar en 2025 un protocolo común, do que agora se aborda a súa implantación e avaliación.

Con esta iniciativa, Galicia adiántase ás esixencias do novo Estatuto do Estudantado Universitario, que recoñece o dereito do alumnado a unha atención psicolóxica gratuíta e accesible e á coordinación cos servizos públicos de saúde.

Traballarán na prevención dos suicidios 

O obxectivo, explicou, é que os estudantes poidan acceder a unha atención psicolóxica próxima e que exista "unha coordinación efectiva" cos recursos sanitarios cando necesiten asistencia especializada.

O conselleiro destacou ademais que o protocolo incorpora mecanismos de prevención, acompañamento e detección temperá, e anunciou que o Sergas e as universidades continuarán traballando nun procedemento específico para previr e intervir ante condutas suicidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade