Rematan tres semanas de oposicións do Servizo Galego de Saúde
Convocáronse en total 2.223 prazas ás que aspiraron 33.762 persoas
Nesta última xornada estaban convocados 1.202 aspirantes para 75 prazas de catro categorías profesionais: médico asistencial do 061, dietista-nutricionista, terapeuta ocupacional e electricista
A porcentaxe de participación dese domingo foi do 78 %
Esta foi a primeira convocatoria para a especialidade de dietista-nutricionista e a participación ascendeu ao 91 %
Choveu en Silleda pero este domingo ademais dos paraugas o que acompañou a millerios de persoas foron os nervios e as expectativas por acadar unha praza no Servizo Galego de Saúde.
Foi un acceso moi áxil, a través de códigos QR e como é habitual con prestacións para nais lactantes e coa posibilidade de facer o exame en caso de estar ingresado nun hospital.
Nesta xornada estaban convocados 1.202 aspirantes.
"Un pouco nerviosa si que estás pero hai que confiar"
"Se podo conseguir a praza ben pero polo menos acadar os puntos necesarios para facer substitucións e conseguila nun futuro, iso é polo menos o meu obxectivo", din algúns opositores.
Estaban convocadas 75 prazas para catro categorías profesionais: médico asistencial do 061, dietista-nutricionista, terapeuta ocupacional e electricista.
"A preparación é fundamental pero tamén se hai un pouco de sorte e se che cae o que sabes e estudaches, mellor"
"Paréceme duro, teño gañas de acabalas xa"
"Cumprir o soño de todo o mundo, un traballo fixo, un traballo estable", comentan outros aspirantes.
Con estas probas selectivas rematan tres fins de semana de exames, nas que se poñían en xogo 2.223 prazas ás que aspiraron 33.762 persoas.
"A estas 2.223 prazas de todo este proceso da convocatoria de outono sumamos as da convocatoria de abril e maio fan 4.699 prazas este ano convocadas para o Servizo Galego de Saúde, o que reflicte o compromiso da Xunta de Galicia á consolidación de emprego dentro do noso sistema sanitario público", destaca Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade.
A porcentaxe de participación desta xornada foi do 78 %. Destaca que esta foi a primeira convocatoria para a especialidade de dietista-nutricionista e a participación ascendeu ao 91 %.