Celébrase unha nova xornada de oposicións ao Sergas con case 9.500 convocados
Un total de 1.496 opositores realizarán as probas para acceder ás prazas convocadas nas categorías de médico de admisión e documentación clínica, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, traballador social e mecánico
Xa na quenda de tarde, e desde as 16:00 horas, un total de 8.003 persoas participarán nas probas de acceso ao grupo auxiliar da función administrativa
As probas de acceso ao sistema sanitario público galego concluirán a próxima fin de semana, coa realización duns exercicios aos que están chamados a participar 10.172 opositores
O Sergas celebrará este domingo no recinto feiral internacional de Silleda unha nova xornada de exames de oposición á que están chamadas a participar 9.496 persoas.
Desde as 9:30 horas, un total de 1.496 opositores realizarán as probas para acceder ás prazas convocadas nas categorías de médico de admisión e documentación clínica, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, traballador social e mecánico.
En concreto, os exames da categoría de médico de admisión e documentación clínica contarán con 56 admitidos para un total de cinco prazas ofertadas, a de técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información con 91 aspirantes para nove prazas, a de traballador social con 1.068 opositores rexistrados para 57 prazas, e a de mecánico, con 277 aspirantes para cinco prazas.
Xa na quenda de tarde, e desde as 16:00 horas, un total de 8.003 persoas participarán nas probas de acceso ao grupo auxiliar da función administrativa. Nesta categoría, o Sergas oferta un total de 192 prazas.
Próxima fin de semana
As probas de acceso ao sistema sanitario público galego concluirán a próxima fin de semana (14 e 15 de novembro), coa realización duns exercicios aos que están chamados a participar 10.172 opositores.
Desde as 9:30 horas do próximo sábado, o recinto acollerá os 34 aspirantes á categoría de médico xeral da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (seis prazas), aos 655 admitidos da categoría de farmacéuticos de atención primaria (31 prazas), aos 196 odontólogos tamén de primaria (oito prazas), a 104 aspirantes a técnico en xestión en sistemas e tecnoloxías da información (nove prazas) e 181 admitidos ás probas de calefactor (sete prazas).
Esa mesma tarde, e desde as 16:00 horas, terán lugar as probas de acceso á categoría de celador, á que concorrerán 7.800 persoas (quenda xeral e de discapacidade intelectual) para unha oferta de 348 prazas.
O domingo 15 de novembro concluirá a rolda de probas do Sergas. Así, desde as 9:30 horas, o recinto de Silleda acollerá os 1.202 aspirantes de categorías de médico asistencial do 061 (139 admitidos para oito prazas), terapeuta ocupacional (273 admitidos para once prazas), dietista-nutricionista (363 admitidos para 45 prazas) e electricista (427 admitidos para once prazas).