O ensaio clínico Combogal logra 4.900 participantes en dúas fins de semana
Tenta avaliar a mellor estratexia de vacinación fronte á gripe e á covid por riba dos 65 anos
O Sergas convida as persoas que poden participar no programa a través de mensaxes SMS
Pódese pedir cita a través da aplicación móbil ou no teléfono 900 842 217
Un total de 4.916 persoas xa participaron no ensaio clínico Combogal, impulsado pola Xunta para avaliar a mellor estratexia de vacinación fronte á gripe e á covid na poboación de 65 ou máis anos.
Comezou o 17 de outubro nos catorce hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde e desenvolverase durante cinco fins de semana consecutivas.
Na área sanitaria da Coruña e Cee, acudiron 1.023 persoas no hospital universitario da cidade herculina e 152 no comarcal Virxe da Xunqueira da Costa da Morte.
Na de Santiago e A Barbanza, foron 583 no Clínico Universitario compostelán e 193 no comarcal de Ribeira, e na de Ferrol, participaron 536 no hospital Arquitecto Marcide.
Na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, houbo 469 participantes no Lucus Augusti (HULA), 138 no comarcal da Mariña e 84 no de Monforte.
Na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, vacináronse 429 persoas no CHUO, 74 no comarcal de Verín e 75 no de Valdeorras.
Na de Vigo, sumáronse 532 participantes no Álvaro Cunqueiro e na de Pontevedra e O Salnés, 442 persoas no provincial e 186 no de Vilagarcía.
Nas últimas semanas, o Sergas enviou mensaxes SMS con información sobre esta iniciativa á poboación seleccionada, arredor de 730.000 persoas maiores de 65 anos.
Pódese pedir cita a través da aplicación móbil do Sergas ou no teléfono 900 842 217. Ademais, é posible ir sen hora concertada entre as nove da mañá e as nove da noite.