Novas andainas de apoio á investigación contra o cancro de páncreas
Promoven a un tempo o exercicio e a investigación para reverter as altas taxas de mortalidade deste cancro
En Vigo o día 7 de novembro, en Vilamartín o 15 e en Santiago o 22
Todo o recadado coas inscricións destinarase a unha bolsa de investigación
En Valdeorras xa é unha tradición participar na andaina solidaria anual que promove a investigación contra o cancro de páncreas. Pero este ano, este movemento vai coller máis impulso en Galicia, con dúas convocatorias máis.
En Vigo e Santiago sumámonos a este reto para recadar fondos para a investigación. Con todo o que se recolla levarase a cabo unha bolsa de investigación
Os oncólogos, coma Elena Brozos, responsable desta especialidade no Hospital Universitario de Santiago, promoven estas vías de fomento directo da investigación porque este cancro ten aínda unhas altas taxas de mortalidade.
Pero confían en que os estudos que están facendo e os que agardan poder facer con fondos que recaden van contribuír a que o cancro de páncreas chegue a reverter as cifras igual ca pasou co de mama, o de próstata ou o de pulmón.
Hai moitos adiantos na oncoloxía, pero o cancro de páncreas quedou un pouco atrás e precisamos ensaios clínicos e estudos que melloren o prognóstico e nos axude a coñecer mellor a enfermidade
Pódese participar directamente nas convocatorias do 7 de novembro en Vigo, o 15 en Vilamartín e 22 en Santiago, que contan co apoio da Federación Galega de Atletismo.
Hai diferentes modalidades: carreira de 6 seis quilómetros, andaina de tres quilómetros e carreira para a rapazada. Esta todo en www.carrerascancerpancreas.es e www.carreirasgalegas.com
Tamén é posible contribuír cun dorsal cero de maneira virtual, para que os 600 galegos aos que cada ano se lles diagnostica un cancro de páncreas teñan cada vez máis expectativas de vida. "Xuntos achegamos a meta", remarca a oncóloga do CHUS, facéndose eco do lema da campaña Carreira das Cidades contra o cancro de páncreas deste ano.
Inscripcións en www.carrerascancerpancreas.es ou www.carreirasgalegas.com