Detidos catro menores pola "violenta liorta" das festas da Mercé de Conxo, en Santiago
A Policía impútalles os supostos delitos de lesións, ameazas e rifa tumultuaria
Imaxe dun momento da liorta, o pasado mes de setembro
Axentes da Policía Nacional adscritos á UDEV de Santiago de Compostela, detiveron catro menores de idade pola súa presunta implicación nunha "violenta liorta" ocorrida o pasado mes de setembro, durante a celebración das Festas da Mercé no barrio compostelán de Conxo.
Segundo informaron fontes policiais, durante os festexos un mozo foi agredido por varias persoas, que lle ocasionaron lesións de diversa consideración, "incluídas feridas por arma branca".
As investigacións levadas a cabo pola UDEV permitiron identificar aos presuntos autores destes feitos, catro mozos menores de idade que xa foron detidos.
A Policía impútalles os supostos delitos de lesións, ameazas e rifa tumultuaria. As dilixencias foron postas en coñecemento da Fiscalía de Menores da Coruña.
Desde Comisaría informouse de que esta actuación enmárcase nos labores de investigación e esclarecemento de feitos delituosos desenvolvidas polo Grupo de Delincuencia Especializada e Violenta da Comisaría de Santiago de Compostela, co obxectivo de garantir a seguridade cidadá e contribuír á prevención de episodios de violencia en espazos públicos e durante acontecementos multitudinarios.