O acusado de matar cunha machada a outro en Rábade aceptará 11 anos de prisión
A vista vaise celebrar o vindeiro luns na Audiencia Provincial de Lugo
As partes chegaron a un acordo de conformidade, que implica o pago dunha indemnización de 80.000 euros á filla da vítima e máis de 7.000 ás súas nais biolóxica e adoptiva
Nave do polígono industrial de Rábade onde se atopou o cadáver
A Audiencia Provincial de Lugo acollerá o vindeiro luns unha vista na que está previsto formalizar un acordo de conformidade entre a Fiscalía, a acusación particular, a defensa e o acusado pola morte dun home de 39 anos en Rábade.
O pacto contempla unha pena de 11 anos de prisión para o procesado, que recoñece os feitos e acepta a súa responsabilidade por un delito de homicidio.
Segundo o escrito de cualificación conxunto presentado polas partes, os feitos ocorreron o 31 de decembro de 2023. O acusado, nacido en Portugal en 1966, e a vítima atopáronse no bar Morsa de Rábade, desde onde saíron xuntos para comprar unha botella de whisky no establecemento Mercacontrol.
Posteriormente, ambos se trasladaron a unha nave abandonada dos antigos Laboratorios Nupel, situada na segunda fase do polígono industrial da localidade, que o procesado utilizaba como domicilio.
Nun momento non determinado desa xornada, o acusado, que se atopaba baixo os efectos do alcol e tiña afectadas as súas capacidades intelectivas e volitivas, golpeou repetidamente á vítima cunha machada na cabeza e outras partes do corpo.
As lesións provocaron un traumatismo cranial de extrema gravidade que causou a morte do home. O informe recolle tamén diversas fracturas e feridas nas mans e no pulso dereito, compatibles con lesións de defensa.
Tras comprobar que a vítima falecera, o acusado trasladou o corpo ata un sumidoiro situado no exterior da nave. O cadáver foi localizado nove días despois.
Por estes feitos, o procesado ingresou en prisión provisional o 11 de xaneiro de 2024, unha medida que foi prorrogada mediante un auto xudicial de decembro de 2025.
O escrito considera os feitos constitutivos dun delito de homicidio, pero aprecia como circunstancia atenuante a embriaguez. Por iso, as partes solicitan unha condena de 11 anos de prisión, coa correspondente inhabilitación absoluta durante o tempo da pena e o pago dos custos procesuais.
80.000 euros para a filla do falecido e máis de 7.000 para as nais adoptiva e biolóxica
En concepto de responsabilidade civil, o acordo establece unha indemnización de 80.000 euros para a filla do falecido, que tiña 14 anos cando morreu o seu pai.
Ademais, o acusado deberá compensar con 4.695,11 euros a nai adoptiva da vítima, que asumiu os gastos do enterro, e con outros 2.402,39 euros a súa nai biolóxica, que sufragou distintos gastos funerarios e relacionados co nicho.