A Xunta pide que non se acumule auga nos cemiterios para evitar o mosquito tigre
Sanidade fai esta recomendación con motivo da festividade de Todos os Santos, que se celebra este domingo 1 de novembro, ao tratarse de espazos propicios para a cría deste insecto
TVG
A Consellería de Sanidade difundiu unha serie de recomendacións para evitar a proliferación do mosquito tigre nos cemiterios con motivo da festividade de Todos os Santos, que se celebra este domingo 1 de novembro, ao tratarse de espazos propicios para a cría deste insecto pola presenza de testos, flores e recipientes que poden acumular auga.
Entre as principais medidas, a Xunta, nun comunicado, aconsellou evitar que os floreiros e outros elementos ornamentais permitan a acumulación de auga, xa que poden albergar larvas de mosquito tigre.
Deben perforarse os recipientes para facilitar a drenaxe
Para iso, recomendou perforar os recipientes para facilitar a drenaxe ou, se non é posible, introducir esponxas, fibras absorbentes, xeles hidropónicos ou outros materiais inertes que impidan a formación dunha lámina de auga.
Así mesmo, Sanidade propón utilizar area nos pratos situados baixo as macetas, regándoa para manter a humidade das plantas, ou optar por flores artificiais. Tamén aconsella baleirar e colocar boca abaixo os floreiros, macetas, pratos e demais recipientes que non se utilicen e poidan acumular auga.
Sanidade indicou que en Galicia o mosquito tigre foi detectado por primeira vez en 2023 e, desde entón, son numerosos os concellos da provincia de Pontevedra con presenza deste vector, aínda que non se identificou ata o momento ningún caso autóctono de enfermidades transmitidas por este mosquito.