Detectada a presenza de mosquito tigre na Coruña, que se suma a 12 concellos en Pontevedra
Esta especie, que pode contaxiar o dengue entre outras enfermidades, non está a transmitir estas doenzas en Galicia por non estar infectado polos microorganismos causantes
Para avaliar a situación, o próximo 9 de xullo reunirase o Comité Interdepartamental do Mosquito Tigre, no que participan os concellos con presenza confirmada deste vector, as áreas sanitarias implicadas e organismos colaboradores
A Xunta informou de que durante este 2026 se confirmou a presenza de mosquito tigre no Concello da Coruña, o primeiro na zona norte da comunidade e que se engade aos xa coñecidos de: Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Vilaboa, O Porriño, Tui, Mos, Bueu, Ponteareas, Poio e Salvaterra de Miño, todos eles na provincia de Pontevedra.
O Goberno galego informou deste asunto nun comunicado no que explica tamén que continúa reforzando a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que neste 2026 forman parte 31 municipios.
Obxectico: identificar os organismos que trasmiten enfermidades
Dos 64 concellos invitados a participar na rede durante este ano, a Xunta detallou que 26 confirmaron a súa adhesión: A Coruña, Betanzos, Carballo, Noia, Ordes, Santiago de Compostela, Vimianzo, Monforte de Lemos, Baiona, Bueu, A Guarda, Moaña, Mos, As Neves, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
A estes 26 municipios engadíronse recentemente os de Allariz, O Carballiño, Castrelo de Miño, Ourense e Rairiz de Veiga, tras a reunión informativa organizada polo Departamento Territorial de Sanidade en Ourense, na que se informou da importancia da colaboración na vixilancia entomolóxica.
A Rede galega de Vixiancia de Vectores foi creada en 2017 mediante un convenio de colaboración entre as consellerías de Sanidade e de Medio Rural e as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo.
O seu obxectivo é identificar os principais organismos transmisores de enfermidades humanas e animais, coñecer a súa distribución e abundancia, avaliar o risco de transmisión de patóxenos e facilitar a adopción de medidas preventivas para protexer a saúde da poboación.
Vixilancia para controlar a situación epidemiolóxica
Na actualidade, en Galicia están presentes especies de mosquitos capaces de transmitir enfermidades como a causada polo virus do Nilo Occidental (mosquitos do xénero Culex) ou o dengue, chikungunya e zika (mosquito tigre, Aedes albopictus).
Aínda que estas especies de mosquitos non están a transmitir estas enfermidades na comunidade por non estar infectados polos microorganismos causantes, a súa vixilancia resulta fundamental para detectar de forma temperá calquera cambio na situación epidemiolóxica.
Reunión do Comité do Mosquito Tigre o 9 de xullo
Co obxectivo de avaliar a evolución da situación e coordinar as actuacións de seguimento e control, o próximo 9 de xullo reunirase o Comité Interdepartamental do Mosquito Tigre, no que participan os concellos con presenza confirmada deste vector, as áreas sanitarias implicadas e representantes dos distintos organismos colaboradores.