A Xunta mobiliza barreiras anticontaminación pola vertedura de xurro de Tordoia
Os técnicos comprobaron que a vertedura se estendeu ata os ríos Paradela e Lengüelle, polo que se decidiu activar medios e recursos autonómicos adicionais
A foxa que rompeu acumulaba máis dun millón de litros
As primeiras estimacións calculan que se verteu un terzo da cantidade total
A Xunta, a través de Augas de Galicia, está a mobilizar medios humanos e recursos do programa de mantemento fluvial, entre eles barreiras anticontaminación, para reforzar os labores de contención e minimizar o risco de novos episodios de vertedura pola rotura dunha foxa de xurros nunha explotación gandeira no concello de Tordoia.
O incidente, comunicado polo propietario a través do 112 este luns 14 de setembro, provocou que unha parte importante do material almacenado se flitrase polas leiras contiguas á granxa alcanzando o río Bustelo, á altura de Santaia.
Con base ás primeiras estimacións realizadas polos axentes, verteuse aproximadamente un terzo da cantidade total, que erá de máis dun millón de litros.
Ante esta situación, as medidas inicialmente adoptadas no punto de orixe, incluíndo a formación de diques de terra e a habilitación dunha balsa temporal de retención, permitiron conter parte do material e evitar que seguise saíndo.
Augas de Galicia enviou persoal do programa de control de verteduras para inspeccionar a zona e facer un seguimento sobre o terreo da evolución da situación. Os técnicos do organismo hidráulico comprobaron hoxe que a vertedura se estendera xa aos ríos Paradela e Lengüelle, motivo polo que se tomou a decisión de mobilizar medios e recursos autonómicos adicionais nas canles afectadas para evitar o avance do verter.
Nestes momentos, a afección detectada localízase nun tramo duns tres quilómetros augas abaixo do punto de vertedura, con incidente constatado nos ríos Bustelo, Paradela e Lengüelle.
Os equipos despregados continúan a executar actuacións de seguimento, contención e retirada do material contaminante, contando, ademais, coa colaboración de Veolia (empresa encargada da xestión da estación de tratamento de auga potable de Santiago), que está a poñer medios complementarios para reforzar o control da situación.
De acordo cos traballos de inspección realizados na mañá deste martes, a afección aínda non alcanzou o río Tambre. Así mesmo, a distancia estimada entre o punto máis avanzado onde se detectou a presenza de xurros e a captación de abastecemento de Santiago de Compostela é duns 20 quilómetros.
"Ao longo da tarde deste martes, en todo caso, completaranse as tomas de mostras e as análises dos distintos puntos de control establecidos nas canles afectadas, cuxos resultados permitirán avaliar con maior precisión a evolución da afección e determinar se o material contaminante xa mobilizado pode supoñer algún risco para a captación de abastecemento", precisa a Xunta.
"Neste momento, debido ao escaso caudal circulante nos ríos e ás baixas velocidades de transporte asociadas, resulta prudente esperar os resultados analíticos antes de emitir unha valoración definitiva", sinala, en concreto, a Consellería de Medio Ambiente.
Segundo a información facilitada polos titulares da explotación, está a procederse ao seu baleirado completo mediante a retirada dos xurros restantes por parte dun xestor autorizado, co obxecto de evitar novos riscos de filtracións ou derrubamentos.