Comeza a retirada das barreiras anticontaminación da vertedura de xurro de Tordoia
Realizarase de forma progresiva e condicionada en todo momento aos resultados das analíticas que se continúan realizando
Augas de Galicia iniciará esta fin de semana a retirada paulatina das barreiras filtrantes instaladas nos ríos Bustelo e Lengüelle para controlar a vertedura de xurro producido a semana pasada en Tordoia tras comprobar a evolución deste episodio e a diminución dos valores analíticos conforme avanza cara á captación de Santiago.
Esa retirada, segundo indican en comunicado, realizarase de forma progresiva e condicionada en todo momento aos resultados das analíticas que se continúan realizando. De feito, manterase a vixilancia e a capacidade de resposta necesaria ante calquera cambio na evolución do episodio.
No tramo final do río Lengüelle obsérvase unha redución significativa das concentracións, mentres que no caso do Tambre os valores diminúen progresivamente segundo vai avanzando a afección pola canle fluvial.
Así mesmo, os niveis de concentración actuais detectados no primeiro tramo afectado do Tambre xa están por baixo dos limiares de referencia para ser apta para o seu tratamento potabilizador, e río abaixo, cara á captación de Santiago, os valores son aínda inferiores.
Así as cousas, desde a Xunta subliñan que corresponde ao Concello de Santiago e á entidade concesionaria garantir que a estación de tratamento de auga potable (ETAP), as reservas e as medidas de continxencia sexan suficientes para responder as variacións de calidade da auga bruta e garantir a seguridade do abastecemento.
Neste sentido, a información que trasladou recentemente o Concello confirma que os valores que a entidade concesionaria consideraba limitantes da capacidade de tratamento da ETAP son en realidade un nivel interno cuxa superación non determina a interrupción da captación, senón a continuidade do tratamento baixo condicións controladas.
Augas de Galicia considera esencial esta distinción xa que, como indica, non resulta adecuado trasladar á auga do río os valores exixibles á auga unha vez potabilizada.
A función dunha ETAP, indica, é transformar unha auga bruta de calidade variable en auga apta para o consumo, polo que non se pode esixir que a auga do río Tambre chegue á captación cumprindo xa os valores paramétricos requiridos para a auga tratada.
Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago explicou que, dez días despois de producirse a vertedura de xurro en Tordoia e tras as medidas postas en marcha para a súa contención e eliminación, existe unha “esperanza bastante fundada” de que non sexa necesario cortar a subministración de auga aos depósitos.
Con todo, a rexedora apunta que “as previsións meteorolóxicas dos próximos días poderían cambiar as previsións”.
Sanmartín defendeu que abastecer auga cun nivel de calidade adecuada significa que non se superen os valores de seguridade en ningún parámetro e que se manteñan características organolépticas admisibles.