Constrúen unha nova barreira de contención no río Lengüelle para frear a contaminación
Desde o Concello piden máis medidas de limpeza debido ao nivel de amonio da auga
Augas de Galicia garante que a auga da traída da capital galega é segura para o seu consumo
"Neste momento seguimos a traballar para conseguir diluír aínda máis o amonio, o primeiro día tiña 44 miligramos litro, baixamos a 20, agora estamos con valores por debaixo de tres. A última barreira, desde que supera está dando valores de un e medio", di Roi Fernández, director xeral de Augas de Galicia.
No lugar da Torre, a menos de tres quilómetros do río Tambre, técnicos de conservación fluvial da Xunta constrúen unha barreira de contención no río Lengüelle diferente ás outras sete que levantaron noutros tramos. Esta incorpora sete sacos cheos de zeolita, un mineral co que agardan filtrar e reducir a concentracion de amonio e de metais pesados que presenta a auga.
"Agora estamos instalando un material filtrante que o que permite é reducir aínda máis esas concentracións", di Roi Fernández Añón, Director xeral de Augas de Galicia.
O Concello de Santiago pide máis medidas de contención e aspirado das augas, para frear a a vertedura de xurro de Tordoia e evitar que chegue á captación de augas no Tambre, que abastece a cidade.
"Aínda quedarían 13 quilómetros desde ese punto que estamos a medir ata a captación, segundo o estado da potabilizadora, o suficiente para tomar medidas de protección desa captación", di Fernández Añón.
Tanto o Concello como Augas de Galicia mandan unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía e aseguran que o consumo da auga na capital galega é seguro.