Carreira multitudinaria en Santiago contra o cancro de páncreas
A Carreira das Cidades chegou por primeira vez á capital galega cun obxectivo claro: sumar pasos, mobilizar conciencias, recadar cartos e impulsar a investigación
Máis do 80 % dos casos diagnostícanse en fases avanzadas e a supervivencia aos cinco anos apenas alcanza o 10%, segundo a Asociación Española de Gastroenteroloxía
Novembro é o mes de sensibilización social contra o cancro de Páncreas. De feito esta semana celébrouse o Día Mundial contra esta enfermidade.
Este domingo, o Campus Sur de Santiago correu por unha causa: plantar cara esta doenza.
A Carreira das Cidades chegou por primeira vez á capital galega cun obxectivo claro: sumar pasos, mobilizar conciencias e impulsar a investigación.
"Precísanse máis recursos para estas causa e aportar o noso gran de area co deporte".
"Con estas carreiras dar o noso apoio e axudar o máximo que se poida", din algúns participantes na carreira.
Este domingo, en Santiago, cada paso conta. Uns fano correndo. Outros, camiñando. Pero todos avanzan na mesma dirección: dar batalla ao cancro de páncreas. Unha enfermidade na que chegar a tempo pode marcar a diferenza.
"Estase investigando moito para avanzar no diagnóstico precoz e nos tratamentos. O importante é o apoio da xente, na solidariedade, na xenerosidade apoiando este tipo de iniciativas para recadar fondos para aumentar a investigación", destaca o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
A recadación das inscricións destínase integramente á investigación desta enfermidade.
Unha necesidade urxente: máis do 80 % dos casos diagnostícanse en fases avanzadas e a supervivencia aos cinco anos apenas alcanza o 10%, segundo a Asociación Española de Gastroenteroloxía.
"É por unha boa causa pola solidariedade contra o cancro de páncreas"
"Participar e estar coa causa", engaden outros participantes.
"Fanse moitos avances, saen novos tratamentos e o obxectivo é apoiar todo isto para avanzar todavía máis rápido", engade o conselleiro de Sanidade.
O obxectivo desta iniciativa non é a competición deportiva e a meta non está en cruzar a liña. Está en concienciar e en acadar que a investigación avance.
Contra o cancro de páncreas, cada paso pode abrir camiño á esperanza de moitos pacientes e das súas familias.