A carreira contra o cancro de Ferrol fai historia con 5.600 participantes
A décimo terceira edición deste evento bateu marcas de participación
Organizouna a Asociación Española Contra o Cancro para sensibilizar a cidadanía e recadar fondos para investigar e atender os doentes
Máis de 5.600 persoas participaron este domingo en Ferrol na Marcha contra o Cancro, cita que celebrou a súa edición máis multitudinaria nos seus trece anos de historia, segundo confirmou a delegación da Asociación Española contra o Cancro na cidade, organizadora do evento.
A entidade, que fixara o obxectivo de conseguir 5.000 asistentes, valorou a intervención de "familias, persoas voluntarias, entidades colaboradoras e institucións nunha de las maiores mobilizacións solidarias na comarca".
Os fondos recadados serán destinados a "impulsar a investigación oncolóxica e a manter os servizos gratuítos a persoas con cancro e os seus familiares" que presta o propio colectivo.
O céntrico cantón de Molíns albergou tanto o punto de saída como a meta do evento, que comezou ás dez da mañá coa participación de centenares de menores nas súas carreiras infantís, para dar paso á súa cita central, con inicio ás once da mañá.
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros; o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Antonio Álvarez Vidal, ou o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Vicente Rubio, foron algunhas das autoridades que acudiron ao acto.